Plan Estratéxico Gaiás-Cidade da Cultura

ANABAD-Galicia ante a presentación do Plan estratéxico do Gaiás-Cidade da Cultura  desexa manifestar a súa fonda preocupación ante a reunión nunha soa sede do Arquivo e a Biblioteca de Galicia, porque supón unha considerable perda de identidade e de visibilidade de ambas as dúas institucións, e contribúe a incrementar a confusión entre as misións e funcións dos dous centros, do que pode derivar a desvertebración tanto do Arquivo coma da Biblioteca e, incrementar os problemas de funcionalidade dos edificios, ata facer inviable a súa operatividade.

Chámanos a atención que os dous únicos centros con contido na Cidade da Cultura sufran unha diminución de espazos e de visibilidade social. Especialmente cando no decreto de creación do Arquivo de Galicia de 10 de decembro de 2010, publicado pola Consellería de Cultura nesta lexislatura, pon de manifesto no seu preámbulo que: “é necesario que exista un arquivo que culmine a súa organización e reciba aqueles documentos que teñan carácter histórico procedentes dos restantes arquivos -administrativos e intermedios[…]. Un centro que reúna as adecuadas condicións construtivas e funcionais para asegurar a súa conservación, tratamento e posta á disposición dos cidadáns e da Administración, e que ao tempo posúa a necesaria dignidade arquitectónica para transmitir adecuadamente a relevancia da súa función; E na Lei de Bibliotecas de Galicia de 15 de xuño de 2012, publicada o día 27 de xuño, na súa exposición de motivos di: Especial atención merece neste título o papel outorgado á Biblioteca de Galicia como biblioteca central do sistema bibliotecario de Galicia, centro promotor da cultura galega e coordinador para a recuperación, conservación e difusión do patrimonio bibliográfico de Galicia calquera que sexa a súa situación…”

Entendemos que, independentemente dos problemas que a Xunta de Galicia teña para xestionar o complexo do monte Gaiás, é indispensable que a nosa Comunidade Autónoma conte co seu Arquivo, servizo da máxima relevancia nunha sociedade democrática, e a súa Biblioteca, como motor da cultura e do idioma de Galicia, cada un coa súa sede e o seu persoal, e cumprindo a súa misión específica, sen que, polo feito de ser instalados na Cidade da Cultura, deban sufrir, en primeira persoa, as consecuencias de ocupar espazos nesta infraestrutura de tan difícil xestión e articulación.

A Xunta Directiva de ANABAD-Galicia

A Coruña 3 de Xullo  de 2012

A Coruña, 2 de xullo de 2012

Unha resposta a “Plan Estratéxico Gaiás-Cidade da Cultura

  1. Pingback: Ante a dimisión de Gabriel Quiroga, director do Arquivo de Galicia |

Deixar un comentario