Arquivos mensuais: Xullo 2013

Visita Fundación Penzol Xuño 2013

Queremos mostrar a crónica do que foi a Visita á Fundación Penzol realizada o pasado 29 de Xuño, organizada por ANABAD Galicia e acompañados por Alfonso Zulueta de Haz, presidente da Fundación, Francisco Domínguez, director da Biblioteca e María Dolores Cabrera Iglesias, vogal da Fundación.

A visita contou coa presentación da Fundación e da persoa a ela dedicada, Fermín Penzol, realizada polo seu presidente; seguida da mostra dos contidos, os fondos e as súas instalación realizada polo seu director.

Temos que sinalar que en días posteriores á nosa visita a Xunta de Galicia concedeu a Medalla de Ouro á Fundación Penzol, feito que contou coa nosa felicitación.

Reproducimos a continuación os textos de agradecemento e homenaxe de ANABAD Galicia realizados por Carmen Pérez Pais e Olimpia López Rodríguez.

Texto de Carmen Pérez Pais:

Bo día, e benvidos  en nome dos socios de Anabad en Vigo: 0 motivo desta xuntanza é celebrar e contribuír a celebrar dous acontecimentos que singularizan o presente ano  2013: a Conmemoración dos 50 anos da Fundación Penzol  e o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego.

A Fundación Penzol representa un lugar privilexiado no imaxinario de arquiveiros e bibliotecarios: libros e documentos por descubrir, co engadido de ter pertencido e ter sido custodiados por ilustres persoeiros o por case anónimos cidadáns. Unha Fundación única e exemplar. Unha Fundación que ilustra o amor por Galicia e o seu patrimonio, dentro da xeneroxidade. Por iso, agrádanos achegarnos a súa sede e poder participar da súa riqueza.

Polo que se refire a Fernández del Riego, nunca agradeceremos bastante a súa contribución a ANABAD-Galicia, unha contribución desinteresada e respetuosa. Mentras foi presidente de ANABAD, entre 1990 e 1993 tivemos a sorte de contar co seu apoio e a súa forza. Nesta Casa  da Cultura, na súa casa de Praia América, e nun pequeno local da rúa México, tratamos os asuntos da Asociación. É unha faceta de Don Paco, -para María Jesús Soto e para mín, don Francisco-, pouco coñecida. Por iso, hoxe temos que aludir aquí ao seu apoio nas reivindicacións ante a Consellería, a súa consideración e confianza nas argumentacións expostas por nós, e ao exemplo de non escatimar esforzos, buscar saídas aos problemas e achegar posturas. Foi, e será sempre, unha grata e valiosa compañía. Mais que celebrar o centenario, recordemos quen foi don Paco e sintamos a súa presenza.

Francisco Fernández del Riego, desfrutará hoxe sabendo que de novo ten unha visita de ANABAD.

E sendo certo que seguimos falando case dos memos problemas de  fai vinte anos. Estar aquí, neste edificio,  admirar as coleccións reunidas, e organizadas,  comprender todo o traballo e esforzo que aquí se esconde é unha lección e unha sorte. Por iso, ANABAD e todos nós, temos que dar as grazas á Fundación Penzol e a Fernández del Riego. Grazas!

Texto de Olimpia López Rodríguez:

Para a nosa asociación hoxe é un día de celebración, de reencontro e de recoñecemento a D. Francisco Fernández del Riego. Na primavera de 1990 escollimos presidente de ANABAD Galicia a Don Paco, 23 anos despois estamos en Vigo, na súa cidade de adopción, na Fundación Penzol na que dirixiu a súa biblioteca durante moitos anos, estamos pois na súa casa celebrando o centenario do seu nacemento.

Naquela primavera implicouse na defensa dos profesionais dos arquivos, bibliotecas e museos e do patrimonio cultural. A Asociación tiña apenas sete anos e D. Paco asumiu o labor de seguir a consolidar o traballo xa iniciado por Pedro López. Vigo foi a sede e acompañado por Carmen Pérez Pais, María Jesús Soto, Félix de la Fuente, Luis Martínez e Tomás Fernández comezaron unha tarefa inxente naqueles tempos en que a nosa Comunidade Autónoma acababa de recibir a transferencia da xestión dos que eran os grandes centros custodios do patrimonio: os arquivos, bibliotecas e museos de titularidade estatal. Comezaba unha nova etapa.

Baixo o seu mandato ANABAD :

  • Presentou alegacións á convocatoria das primeiras oposicións convocadas pola Xunta de Galicia das escalas de arquivos, bibliotecas e museos
  • Elaborou o Directorio de Arquivo, Bibliotecas e Museos de Galicia baixo a dirección de Pedro López e Carlos G. Guitián
  • Impulsou o convenio entre a Consellería de Cultura e a propia Asociación para a elaboración do censo de arquivos privados depositados nos pazos de Galicia
  • Organizou cursos propios e en colaboración coas institucións de Galicia
  • Elaborou un informe sobre a situación bibliotecaria en Vigo, e moitas outras actividades que non imos relatar unha a unha.

Nesta liña seguimos a traballar como el, na formación dos profesionais, na colaboración coas institucións, na defensa das nosas profesións e dos profesionais. 23 anos despois necesitamos da Asociación, e de persoas que como Don Paco entenderon e defenderon que a dedicación, a colaboración, a defensa do común, do grupo, son necesarias, imprescindibles, agora tamén, para construír un futuro mellor. Desde ANABAD Galicia queremos agradecer a súa entrega á nosa asociación, o seu paso por ANABAD foi unha etapa máis nunha vida dedicada á consolidación dun pais.

Tamén queremos agradecer as atencións da Fundación, hoxe representada polo seu presidente Alfonso Zulueta e polo seu director Francisco Domínguez, e non queremos perder ademais a oportunidade de comunicarlles que ANABAD Galicia ten solicitado a concesión da Medalla de Ouro da Xunta de Galicia para a Fundación Penzol no seu 50 aniversario.

Moitas Grazas

Fotografías da celebración (preme nas imaxes para visitar a galería)

Fundación Penzol:

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Comida de Confraternización:

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Visita ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco):

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Advertisement

Medalla de Ouro da Xunta de Galicia á Fundación Penzol

Comprácenos felicitar á Fundación Penzol xa que o día 11 de Xullo a Xunta acordou concederlle a máxima condecoración que outorga Galicia, a Medalla de Ouro. Neste ano no que conmemoramos o 50 aniversario da Fundación e o centenario de Don Francisco Fernández del Riego, a Medalla de Galicia é o colofón dun ano de celebracións.

Parabéns a todos os que se esforzan para que cada día a Fundación siga a defender o noso patrimonio cultural  e a traballar pola consolidación do noso país.

Aproveitamos tamén para agradecer as atencións recibidas na nosa visita o pasado día 29 de Xuño, que nos permitiu lembrar a figura de D. Paco e coñecer os magníficos fondos da Fundación Penzol.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Resumo dous anos blogue e redes sociais de Anabad Galicia

stat2

Estreouse o blogue e as redes sociais en xullo de 2011, desde entón levamos publicadas 62 novas que foron consultadas en conxunto 26.409 veces.

No ano que vai de xullo de 2012 a xuño de 2013 publicáronse un total de 28 noticias: 6 menos que no ano 2011/2012.

O número de visitas foi de 13.004, similar ás visitas realizadas no período anterior.

estat1

A noticia máis vista foi Dorado, el Presidente y los documentos de la Xunta de Galicia publicada o 20 de maio. O día máis visitado coincidiu coa publicación desta nova, así como a semana máis visitada, e o mesmo aconteceu para o mes de maio no que se publicou esta nova, que sobrepasou a calquera dos meses anteriores do histórico do blogue. Este mes tivemos 2.174 visitas (unha media de 70 diárias). Ademais esta noticia tivo un grande impacto viral ao ser difundido noutras páxinas de prensa e doutras asociacións como Anabad (Federación) a Plataforma para la creación de un Colegio profesional de Madrid, entre outras.

Con respecto ás redes sociais:

Twitter leva un aumento constante de seguidores, que neste momento é de 653, e que ademais son posibles lectores do blogue ao ser publicada automaticamente nesta ferramenta as noticias. Neste momento levamos publicadas 2.456 chíos.

A páxina de Facebook non crece da mesma maneira, queremos lembrar que se trata dunha páxina, e non dun perfil persoal, polo que os seguidores teñen que subscreberse á páxina para poder ler as novas. Neste momento contamos con 145 seguidores.

Se aínda non nos segues, convidámosvos a que o fagas:

 Tamén queremos contar coa túa aportación, se cres que podes colaborar publicando noticias ou queres enviar algunha puntual, ponte en contacto connosco no mail: administracion@anabadgalicia.net