Arquivos mensuais: Xuño 2012

Peche da Biblioteca de Agolada

COMUNICADO DE ANABAD-GALICIA ANTE O PECHE DA BIBLIOTECA DE AGOLADA

A Asociación ANABAD-Galicia que agrupa os profesionais dos servizos de arquivos, bibliotecas e centros de documentación de Galicia, quere manifestar a súa oposición ao peche da Biblioteca Municipal de Agolada.

Imaxe: La Voz de Galicia 25/06/12

A crise económica que estamos a sufrir determina que as administración públicas, para facerlle fronte, tomen decisión que están a afectar seriamente a todos os ámbitos, e especialmente ao eido da cultura, con incidencia directa nos arquivos, bibliotecas e museos.

Nestes días o concello de Agolada pecha a biblioteca, entre outras medidas, para poder acollerse ao plan de provedores.

ANABAD-Galicia desexa chamar á reflexión ao Concello de Agolada, e que teña presente que desmontar a biblioteca ten un custo social moi importante, xa que este tipo de  centro público presta servizos aos cidadáns, facilitando o acceso á información e á formación, e contribúen á igualdade de oportunidades.

Entendemos que, aínda en época de crise, hai certos servizos culturais que deben ser de atención preferente, e non se deben descoidar, posto que teñen unha importancia capital para as comunidades ás que serven, como elemento dinamizador e nivelador das diferenzas.

Polo tanto, reclamamos dese Concello un esforzo para manter aberta a biblioteca, porque, nestes tempos, tampouco debemos manexar soamente criterios de custo económico senón tamén os de valor social e aproveitamento colectivo.

Na Coruña a 20 de Xuño de 2012
A Xunta Directiva de ANABAD-Galicia

O grupo Bibliotecarios Gallegos Indignados, en Facebook, lanzaron unha campaña de recollida de sinaturas a través de Change.org: Alcalde de Agolada (Pontevedra): Evita el cierre de la biblioteca

Advertisement

30 Aniversario de Anabad Galicia

A Xornada de celebración do 30º Aniversario de ANABAD-Galicia en fotos:

Foto de Grupo de Anabad no Arsenal de Ferrol

1) Visita ao Arsenal e ao Museo da Construción Naval en Ferrol (ver todas as fotografías)

2) Comida de confraternización e entrega da medalla da Federación Anabad a Carlos Guitián e regalo de recoñecemento de Anabad-Galicia a Pedro López e Carlos Guitián (ver todas as fotografías)

3) Percorrido pola ría e visita ao Castelo de San Filipe (ver todas as fotografías)

O pase de diapositivas require JavaScript.

Día mundial dos Arquivos 2012

Manifesto de ANABAD-Galicia con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos

O 9 de xuño de 2012, Día Internacional dos Arquivos, en ANABAD Galicia será un día para:

Seguir a defender que o traballo dos arquiveiros do sector público é fundamental para garantir a transparencia do funcionamento das institucións e mellorar a calidade da nosa democracia.

Seguir a demandar das administracións públicas a adecuada atención dos arquivos para o mellor funcionamento dos servizos públicos e para garantir a transparencia da xestión pública.

Seguir a manter que no momento actual o traballo que se desenvolve nos arquivos é unha ferramenta estratéxica para conseguir unha maior eficacia e produtividade de todas organizacións.

Seguir lembrando á empresa e ás corporacións que as posibilidades de negocio vincúlanse tamén á organización, difusión e control da información que fan os profesionais.

Seguir a recordar ás administracións públicas que o papel dos arquiveiros é clave para a organización e o desenvolvemento da administración electrónica á que nos incorporamos dia a dia.

Seguir loitando contra decisións como a paralización da desclasificación de documentos de 1936 a 1968 por parte do Ministerio de Defensa, porque debemos perseverar na transparencia administrativa.

Seguir a reclamar unha lexislación que reflicta estas demandas.

Seguir a traballar pola defensa dos arquivos e dos profesionais que os atenden.

O 9 de xuño Día Internacional dos arquivos, será outro día para que os  arquiveiros, como todos os días, sigamos a traballar polo futuro.

Na Coruña a 8 de Xuño de 2012

A Xunta Directiva de ANABAD-Galicia

Declaración Universal sobre os Arquivos

Algunhas actividades para este día:

  • Xunta de Galicia:

Nova web do Sistema de Arquivos de Galicia

  • Arquivo de Galicia:

Mostra conformada por fondos públicos procedentes da Real Audiencia de Galicia, da Audiencia Territorial da Coruña, da Delegación Provincial de Economía e Facenda, e do Goberno Civil da Coruña. E tamén fondos privados, como o manuscrito do Divino Sainete, de Curros Enríquez, ou a carta autógrafa de Emilia Pardo Bazán a Andrés Martínez Salazar. Ademais forman parte da exposición a colección de documentos en pergameo do arquivo, a colección cartográfica e a fotográfica, con imaxes da inauguración da liña do ferrocarril á Coruña, en 1883.

  • Arquivo Histórico Provincial de Ourense:

Xornada de portas abertas na sede da rúa Hernán Cortés 2, con visitas ás 12.30 hs. e ás 18.30 hs. nas que se amosarán distintos documentos relacionados co “Bicentenario da Constitución de 1812”.

  • Arquivo Histórico Provincial de Lugo

Día 8 inauguración da exposición titulada: “Urbanismo en Lugo, 1917 -1970”, concibida como unha continuación da outra mostra sobre a cidade celebrada polo arquivo, (“Casas e rúas de Lugo, 1850-1920. A conformación da cidade actual”) na que se mostrará unha escolma de documentos ilustrativos da evolución da cidade neste período.

  • Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

Xornada de Portas Abertas e Charla-Conferencia o venres, 8 de xuño.

  • Arquivo Xeral da Xunta en Lugo

O día 11 de xuño organizará visitas guiadas ás 10 horas e ás 12 horas dirixidas aos empregados públicos, posibles usuarios deste centro. Os interesados deberán dirixirse ao Arquivo Xeral da Xunta en Lugo, segundo andar, no edificio administrativo. Teléfono: 982 294 240

  • Concello de Pontevedra

Presentación do “Libro de Consistorio.1560-1563”, transcripción das actas municipais, realizado polo Arquivo Municipal. Participarán na presentación: Carmen Corgo, Miguel Pereira e Enrique Sotelo (arquiveiros), e o historiador Gonzalo Fernández Suárez. Na Casa das Campás (rúa de Don Filiberto), o 7 de xuño ás 20 horas.

Programación dos Arquivos estatais