Arquivos mensuais: Xullo 2012

Homenaxe a Olga Gallego na Universidade de Vigo

O día 19 de xullo de 2012 no campus de Ourense da Universidade de Vigo celebrouse un acto no que se lle impuxo o nome de Olga Gallego Domíguez a un dos tres pavillóns do propio campus.

Participaron representantes  de ANABAD-Galicia nunha nova homenaxe á arquiveira, á mestra de arquiveiros e á presidenta da nosa asociación que foi.

Agradecémoslle á Universidade de Vigo e especialmente ao Campus de Ourense a deferencia que tivo coa nosa querida Olga Gallego.

Dende a asociación seguimos a traballar tamén para que a administración na que desenvolveu  a súa traxectoria profesional lle faga un recoñecemento similar.

Noticia publicada pola Universidade de Vigo

Advertisement

Un ano coas novas ferramentas de comunicación de Anabad-Galicia

ANABAD-Galicia acometeu, fai agora un ano, un cambio nas ferramentas de comunicación que utilizaba na rede e cos seus asociados, incorporándose ás redes sociais. Agora, transcorrido un ano destes cambios podemos dar conta do que significou, coa finalidade de seguirmos mellorando na cobertura da información na nosa área.

Blogue:

En Xullo de 2011 deixamos o blogue que durante 5 anos mantíñamos en blogsome e cambiamos para un novo en WordPress, http://anabadgalicia.net, por contar este cun xestor moito máis avanzado que nos permitía incorporar outras ferramentas. Comezamos tamén a aventura de utilizar Twitter e Facebook, como novas formas de comunicación e difusión.

Neste tempo contamos con 83 gostos na páxina de Facebook, 358 seguidores no Twitter e 8 subscritores ao blogue. Non parecen uns números moi importantes, porén o tráfico xerado polos seguidores a través das diferentes ferramentas contribuiu a que o blogue fose visitado máis de 13.000 veces.

Ademais do tráfico directo ás noticias, os medios a través dos que chegaron as visitas foron, por orde de importancia: Facebook, Recbib, Twitter e o web da Federación, Anabad.org.

Publicáronse en total 34 artigos (2,8 por mes). En todo este tempo o mes máis visitado foi novembro de 2011 con 1.631 visitas. Neste mes publicáronse 3 noticias das que a máis consultada foi a Declaración de Anabad-Galicia ante os recortes nos servizos culturais . No conxunto de todos os post, a noticia máis vista foi a das actividades realizadas con motivo do Día do libro, publicada o 18 de Abril: , con 357 visitas. A semana na que se publicou esta noticia foi tamén a de máis consultas con 685 visitas.

O día con máis visitas foi o 15 de febreiro con 244 visitantes. Neste día publicáronse o post e a páxina da campaña Eu Amo as Bibliotecas Públicas e colocouse o acceso ás publicacións de Anabad-Galicia.

No 2011 (xullo-decembro) fomos visitados 6.128 veces e, de xaneiro a xuño de 201, 7.277 veces. A media diaria de visitas foi de 32 en 2011 e 40 no que vai de 2012.

Twitter:

No Twitter publicamos 1.192 noticias seguimos a 307 persoas e contamos con 371seguidores.

Facebook:

83 gostos que implicaron que as noticias poideron ser vistas por cerca de 20.000 fans dos nosos seguidores. Xa indicamos máis arriba que é o medio que está atraendo maior número de visitas ao blogue.

Esperamos seguir contando coa vosa participación na redifusión das novas de interese para as nosas profesións.

Ante a dimisión de Gabriel Quiroga, director do Arquivo de Galicia

ANABAD–Galicia acaba de recibir a noticia da renuncia de Gabriel Quiroga Barro como Director do Arquivo de Galicia e Subdirector Xeral de Arquivos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade en Historia Moderna, pola USC en 1982, grado de Licenciado en Historia en 1984, funcionario en excedencia da Escala de Axudantes de Arquivos, Bibliotecas e Museos da Universidade de Santiago de Compostela e funcionario do Corpo Facultativo Superior de Arquivos da Xunta de Galicia, traballou na Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela entre 1987 e 1988, foi xefe so Servizo de Arquivos e Museos da Xunta de Galicia entre 1988 e 1994. Desde 1996 ata 2008 director do Arquivo do Reino de Galicia, e desde 2008 ata hoxe, director do Arquivo de Galicia e subdirector xeral de Arquivos, cunha demostrada experiencia profesional na xestión e dirección de centro de arquivos.

A súa renuncia faise efectiva despois da presentación do Plan Estratéxico do Gaiás, que, ao unificar nun edificio, o Arquivo e a Biblioteca de Galicia vai incidir na confusión entre ambos os dous centros e as súas diferentes misións, e fará imposible a chegada a bo porto dun proxecto de organización do sistema de arquivos de Galicia, dotándoo de normas legais que o creen e o estruturen, de centros e de profesionais que lle dean contido e permitan tanto a custodia e conservación dos fondos históricos, como os derivados da cada día máis presente administración electrónica, con garantías de futuro.

O seu perfil técnico, e o traballo realizado ata o de agora para poñer a andar o Sistema de Arquivos de Galicia desde a cabeceira, coordinando a acción de todos os arquivos da Xunta, participando no anteproxecto de lei de arquivos de Galicia, no decreto de creación da comisión de valoración de documentos da Xunta de Galicia, iniciando os estudos de series documentais, conformando as páxinas web dos arquivos, etc., estaba a dar os pasos precisos para poñer en marcha un sistema de arquivos autonómico.

Por todo isto, ANABAD–Galicia lamenta a súa renuncia, que se traducirá nunha perda palpable para os arquivos galegos, e con eles, para a totalidade da sociedade galega. E desexámoslle tamén que no seu  próximo proxecto siga a desenvolver o seu traballo co mesmo rigor e dedicación que xa ten demostrado

A Coruña, 4 de xullo de 2012

A xunta directiva de ANABAD-Galicia