A Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia, BAMAD-Galicia, quere manifestar a súa posición contraria á proposta de amortización de 15 postos de traballo nos arquivos, bibliotecas e museos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Estas amortizacións van supoñer unha perda de funcionalidade e operatividade, nuns centros cunhas plantillas xa moi reducidas para atender aos seus cometidos. Se á redución de persoal engadimos os recortes orzamentarios destes últimos anos, estamos a falar da asfixia dos arquivos, bibliotecas e museos da Xunta de Galicia
Reclamamos, pois, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que retire esta proposta de RPT, que non responde ás necesidades dos centros, para retomar a racionalidade na distribución do persoal.
Postos a amortizar segundo a última proposta de RPT da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que corresponden aos centros de arquivos, bibliotecas e museos.
En arquivos suprímense : 1 praza de técnico superior de arquivos, 4 de técnico medio de arquivos, 1 restaurador de papel e 1 auxiliar de arquivos.
En bibliotecas suprímense: 5 prazas de técnico medios de bibliotecas e 1 auxiliar de bibliotecas
En museos: 1 técnico superior de museos e 1 auxiliar de museos
A Coruña, 7 de novembro de 2014
A xunta directiva de BAMAD-Galicia