Como sabedes, os pasados días 22 e 23 de novembro, celebráronse en Santiago de Compostela, na sede do Consello da Cultura Galega, as xornadas “Os arquivos e o patrimonio documental de Galicia: memoria pública, memoria privada, memoria social”. Organizadas pola sección de Patrimonio do Consello, contaron coa colaboración de ANABAD – Galicia.
Os relatorios presentáronse en tres sesións, dedicadas a primeira á Formación do Patrimonio Documental de Orixe Pública: Avaliación e Selección Documental, a segunda ás Estratexias para a Xestión do Patrimonio Documental de Orixe Privada, e a terceira na que se presentou un documento referido ás Recomendacións para o Acceso ao Patrimonio Moble, elaboradas por unha Comisión Técnica Temporal do Consello da Cultura Galega, tiveron un excelente nivel, e alto grao de interese.
Dende a asociación estamos moi satisfeitos de participar nestas xornadas. A calidade dos relatores, a viveza dos debates é o éxito da convocatoria fan que este tipo de actividades sexan fundamentais para os profesionais.
Na páxina web do Consello da Cultura poderedes consultar a información máis completa sobre o contido das diferentes exposicións.
A Xunta directiva de ANABAD-Galicia