Arquivo da categoría: Bibliotecas

Orzamentos 2015 da Xunta para Arquivos e Bibliotecas

Comunicado de BAMAD Galicia ante os novos orzamentos da Xunta de Galicia para Arquivos e Bibliotecas 2015

 O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2015 conxela todas as partidas para Bibliotecas e reduce un 8,3% as de Arquivos. Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros, proceso iniciado hai xa varios anos, e seguen a reducir as posibilidades de levar unhas políticas arquivísticas e bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país.

Os orzamentos non son bos. No conxunto orzamentario 2015 os orzamentos da Xunta medran un escaso 0,5%, sen embargo nesas partidas o orzamento para cultura estáncase e queda na mesma cantidade que no 2014. Aínda sendo o mesmo globalmente para a cultura, os arquivos reducen o seu orzamento nun 8,3%.

Estes datos son especialmente negativos xa que levamos acumulados anos de recortes orzamentarios. A isto debemos engadir que nos encontramos nun momento no que, tanto os arquivos como as bibliotecas, requiren dun impulso que debe ser apoiado economicamente. Acaba de ser aprobada a Lei de Arquivos (Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia), lei que temos valorado como un avance, malia recoñecemos a súa eiva económica, xa que non establece compromisos de financiamento que permita desenvolvela, como xa manifestamos en varias ocasións. Contar cunha lei de arquivos eficaz require contar tamén con partidas adecuadas para o seu desenvolvemento.

As Bibliotecas encóntranse nunha situación similar. A lei aprobada no 2012 está pendente de desenvolver ferramentas que a farán máis útil e eficaz. Está pendente de rematar o Mapa de Bibliotecas e aprobar e publicar os Indicadores de bibliotecas así como establecer elementos de cooperación bibliotecaria que permitan que todas as administracións colaboren na mellora das bibliotecas. Ferramentas que consideramos imprescindibles. Por outro lado, a creación de novos servizos como de Galicia Le, que valoramos moi positivamente e que facilita o acceso á lectura de libros electrónicos a todas as persoas asociadas ás bibliotecas galegas requiren de máis apoio para ofertar máis títulos e novos servizos.

Ante esta situación, os profesionais reclamamos da Xunta de Galicia un esforzo en materia de orzamentos para arquivos e bibliotecas, centros rendibles social e tamén economicamente, e que cese a asfixia económica que supón a súa redución orzamentaria.

A Xunta Directiva da Asociación de arquiveiros, bibliotecarios, museólogos e documentalistas de Galicia, BAMAD Galicia

Na Coruña a 23 de Outubro de 2014


Incorporamos cadros comparativos e gráficos dos últimos catro anos

BIBLIOTECAS:

Partidas 2015 2014 2013 2012
Bolsas formación (4800) 217.740 217.740 217.740 243.920
Equipamento da rede (mobiliario) (6251) 90.000 90.000 100.000 64.800
Lotes fundacionais (6281) 600.000 600.000 650.000 1.500.684
Obras e reparacións na rede de bibliotecas de Galicia (6322) 60.000 60.000 100.000 190.000
Promoción da lectura (6402) 200.000 200.000 300.000 346.845
Actividades culturais (6405) 200.ooo 200.000 200.000 250.000
Formación 10.500 10.500 10.500 15.000
Total 1.378.240 1.378.240 1.578.240 2.611.249

 

ARQUIVOS :

Partidas 2015 2014 2013 2012
Conservación do Patrimonio documental en arquivos (4801) 107.406 107.406 107.406 111.762
Maquinaria, instalacións e utensilios de arquivos. adquisicións (6231) 14.972 14.972 14.972 24.000
Mobiliario e útiles de arquivos (6252) 8.835 8.835 8.835 25.000
Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) 30.000 60.000 60.000 167.058
Adquisicións e restauración do patrimonio documental (6284) 75.000 75.000 75.000 122.285
Movemento e traslados de fondos documentais (6285) 2.100 2.100 2.100 3.907
Publicacións en materia de arquivos (6286) 14.095 14.095 14.095 23.000
Obras de conservación de arquivos (6321) 30.000 30.000 30.000 36.445
Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental (6404) 50.000 50.000 50.000 60.000
Total 332.408 362.408 362.408 573.457

 

Gráficos

Orzamentos 2014 para Arquivos e Bibliotecas, totaisgraf20151

Bibliotecas detalle e total

Graf20152 

Arquivos detalle e total

graf20153

24 Outubro, Dia da Biblioteca 2014

A data do 24 de Outubro foi escollida como día para sinalar a importancia das bibliotecas na sociedade. Esta data foi creada en 1997 pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil co apoio do Ministerio de Cultura. Para o 2014 o cartaz foi deseñado por Carmén Solé con texto de Antonio Rodríguez Almodóvar como Pregón Homenaxe a Ana María Matute.

Mostra das actividades que se realizarán en Galicia para comemorar esta data. Se sabes de máis actividades por favor ponte en contacto con administracion@anabadgalicia.net para que as podamos difundir.

ALGUNHAS ACTIVIDADES NAS BIBLIOTECAS GALEGAS (en construción)

Antas de Ulla: Biblioteca Municipal: Lectura do pregón e Contos populares a cargo de Concepción Castiñeira Gavieiro.

A Coruña: Biblioteca da Deputación: Biblioteca Móbil: a biblioteca na rúa, Proxección video: As bibliotecas persoais na Biblioteca da Deputación, Obradoiro de postais móbiles, Selfie da biblioteca e Visitas guiadas… Programa completo.

A Coruña: Biblioteca Publica:

  • Todo o mes: Obradoiro de escritura creativa con Adolfo ponte Velasco, nova sesión o 24 ás 18h.
  • 24 de outubro: Un ano de voluntariado coa Biblioteca Quitapenas: intercambio de penalizacións por alimentos entregados a Cáritas e ao Banco de alimentos.
  • 25 de outubro: Contacontos con Charo Pita: Palabras percutidas, un ritmo de fábula, para público infantil, ás 12h.

bpc1

A Coruña: Bibliotecas Municipais: Semana da Biblioteca dedicada aos Clubs de Lectura.

  • Mércores 22: Encontro con John Banville, premio Principe de Asturias das Letras
  • Xoves 23: Obradoiro de Literatura Online. Concerto de AgoraSón
  • Venres 24: Encontro dos Clubs de Lectura
  • Programa Completo

semana24cor

Lugo: Biblioteca Pública:

  • Mércores 22: Libros, imaxes, curtametraxes: obradoiro creativo
  • Venres 24: Xornada de portas abertas. Contacontos: O Home do saco
  • Programa completo

Melide: Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor: Xornada de Teatro escolar. Programa completo

Oleiros: Bibliotecas Municipais: Amplo programa de actividades con Maxia, teatro, contacontos, sobres sorpresa e agasallos de libros nas Bibliotecas da rede municipal. Programa completo

Ortigueira: Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre: Regalo de marcapáxinas ás persoas que utilicen o servizo de empréstimo e contacontos “Pastoreando alegrías” con Carmen Domech ás 17,30h.

Cartel-Día-de-la-Biblioteca

Ourense: Biblioteca Pública:

  • Luns 20: Obradoiro de escrita con Francisco Castro
  • Martes 21: Contiños con Susana e Obradorio de Maquetación de libro electrónico
  • Mércores 22: Club de debate
  • Xoves 23: Obradorio de iniciación á internet e ás redes sociais. Chiquiclub: Soñei que era unha árbore.
  • Venres 24: A Biblioteca na rúa; Kamishibai: Un conto da Antártida; Sorteo de Libros; Proxección de En Busca da Memoria: Eric Candel (Nobel de medicina 2000), Cineclube Padre Feijoo
  • Programa completo

Redondela: Bibliotecas Municipais

  • Libros solidarios do 24 de outubro ao 28 de novembro: campaña de recollida de alimentos

Chapela:

alimentosredondela

Rianxo: Biblioteca Municipal Castelao: Acampada na Biblioteca, Contacontos e música Libros En-cantados, música en familia con Magín Blanco o venres 24 ás 18h.

Rianxo2014

Ribadavia: Biblioteca Municipal: Contacontos O Principe predestinado con Mª Eugenia Muñoz Fernández. Todas as tardes da semana do 24 Obradoiros.

Santiago: Biblioteca Pública Ánxel Casal: Semana do 20 ao 24 de outubro: Xornadas de portas abertas, Agasallos de lotes de libros aos superlectores, Queres ser axudante de Biblioteca?, Obradoiro, recreamos a historia do libro con realidade aumentada,Concurso de fotografía Lendo en Compostela, Liberación de Libros, Exposición a Biblioteca Pública 1955-2014… Programa completo

O Saviñao: Biblioteca Municipal: Noite na Bibliotecacoas seguintes Actividades: Visitas Guiadas, Merenda infantil, O lapis máxico, Contos ao revés, Obradoiros. De 10 a 24h. Máis información

DiaBibliotecaSavinao

Sober: Biblioteca Municipal:

  • Día 24, actividade no CEIP Virxe do Carme pola mañá e visitas escolares á biblioteca pola tarde.
  • Presentación das actividades: 20 anos da biblioteca, exposición de fotografías de usuarios.
  • Exposición 20 anos entre libros 1994-2014 do 24 de outubro ao 7 de novembro no centro sociocultural de Sober.
  • Cea do Día da Biblioteca co colectivo Lemos Le:  ás 22h. no Centro do Viño de Monforte de Lemos. Entrega do Premio do 1º Certame Mulleres de Lemos, organizado polo colectivo de bibliotecarios da Comarca de Lemos: Lemos Le.

cartel biblio

Verín: Biblioteca Municipal: contacontos e manualidades para nenos e nenas, de 18 a 19.30h., coordinado polo voluntariado da biblioteca.

Vigo: Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas: Contos Dakí con Avelino González ás 19,30h. para adultos.

Vigo: Biblioteca Pública Juan Compañel:

  • Martes 21: Recursos educativos na internet para os seus fillos
  • Mércores 22: Pasen y escuchen, Pasen y lean, programa de fomento da lectura realizado por voluntariado
  • Xoves 23: Palma repalma: contos para bebés, con Pavís Pavós
  • Venres 24: Merenda con pan de millo de Migallas Teatro. Xornada de portas abertas.
  • Sábado 25: Workshops english: contos e obradoiros en inglés
  • Programa completo

Xermade: Biblioteca Municipal: Grupo de Teatro de Ribadeo que representará a comedia para todos os públicos  “Os Putativos”, domingo 26 ás 18h. no salón de actos do CEIP de Xermade.

Xermade2014

Subvención plurianual para mellora de coleccións bibliográficas das bibliotecas

Declaración de BAMAD Galicia ante a Orde da Consellería de Cultura de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais 2014

grafica-quiebra

A Consellería de Cultura publica a Orde de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais para o período do 1 de xaneiro de 2014 ao 15 de abril de 2015, DOG n. 189 de 3 de outubro de 2014

Esta orde convócase por un período plurianual para o ano 2014 e o primeiro trimestre de 2015. Na orde indícase que poden acceder unicamente a esta convocatoria os concellos de menos de 30.000 habitantes. Ademais das 7 cidades, quedan fora da convocatoria, os concellos de Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía (segundo os datos de poboación do INE a 1 de xaneiro de 2013). O conxunto dos concellos excluídos desta convocatoria representan o 42% da poboación de Galicia.

Desta maneira incúmprense a obriga da administración de “establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia” xa que se refire a toda a Rede de Bibliotecas e non só a unha parte da mesma, como se recolle na Lei de Bibliotecas de Galicia.

A xustificación da Xunta para deixar for a a estes concellos é “acadar unha maior cohesión territorial de Galicia e a necesidade de asegurar que os concellos de menor poboación e con menores recursos para dotar os seus servizos bibliotecarios poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o que reciben os dos concellos máis poboados de Galicia, que recibiron nos anos anteriores maior volume de recursos, xustifica a necesidade de concentrar todo o orzamento dispoñible unicamente nos concellos de poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes.”

Sen embargo a propia orde incorre en contradición xa que as cantidades máximas que se van conceder por concellos é en moitos casos ridícula e esas axudas en nada van favorecer esa cohesión territorial que se menciona. Desta maneira as axudas serán das seguintes cuantías segundo a poboación do concello:

  • Menos de 2.000: recibirán un máximo de 500€
  • De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.000€
  • De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 1.500€
  • De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.000€
  • De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 2.500€

En anos anteriores as axudas de cofinanciamento recollían unhas condicións nas que a Consellería aportaba unha porcentaxe para as adquisicións dependendo das cantidades aportadas por cada concello, o que favorecía que os concellos se implicasen no mantemento da colección das súas bibliotecas se querían participar deste programa de axudas.

Agora xa non se solicita a mesma implicación dos concellos e ademais “penalízase” aos concellos de maior poboación que son tamén os que máis cidadáns teñen que atender e, normalmente, os que máis invisten nas bibliotecas por ter unha maior poboación.

Por outro lado desde BAMAD Galicia recoñecemos que as axudas deben favorecer unha maior cohesión territorial beneficiando as bibliotecas menos desenvolvidas, pero isto non se debe facer excluíndo a outras bibliotecas. Por outro lado as partidas de “cohesión” indicadas máis arriba en nada van axudar a mellorar as coleccións xa que se trata de partidas ridículas para os concellos máis pequenos.

Ademais a estas axudas teremos que descontarlle a obriga legal que teñen os concellos de pagar o canon de bibliotecas. Canon contra o que a nosa Asociación se ten manifestado e que moitos concellos están votando en contra da súa aplicación. Este canon foi recorrido ante o tribunal supremo e está sendo debatido en concello e parlamentos de todo o estado posicionándose en contra de que sexan os concellos quen teñan a obriga de realizar este pago.

Para a mellora das bibliotecas e das súas colección cremos que é necesario desenvolver a Lei 5/2012 de Bibliotecas no que respecta ao tipo de bibliotecas e servizos que deben ofrecer. O desenvolvemento de novos servizos poden ser levados a cabo por bibliotecas supramunicipais que faciliten ofrecer máis servizos e acceder a máis fondos que os propios aportados por cada concello.

Por último, cremos que as entidades de profesionais que traballamos a favor dos servizos bibliotecarios deberíamos ser consultados e ofrecemos a nosa colaboración para participar no desenvolvemento e mellora destes servizos.

A Coruña 7 de Outubro de 2014

A Xunta Directiva de BAMAD Galicia