Arquivos mensuais: Maio 2012

Peche da Biblioteca de Caja Madrid en Santiago

DECLARACIÓN DE ANABAD-GALICIA ANTE O PECHE DA BIBLIOTECA DA OBRA SOCIAL DE CAJA MADRID EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

ANABAD-Galicia posicionouse no pasado mes de novembro contra algunhas decisións das administracións públicas de reestruturación de servizos que están a afectar seriamente a todos os ámbitos, e especialmente ao campo da cultura, con incidencia directa nos arquivos, bibliotecas e museos.

A esta oposición da nosa Asociación, no que respecta ás administracións públicas, temos agora que manifestar tamén o noso desacordo coa decisión de empresas privadas que dispoñen de servizos culturais e que plantexan tamén a súa eliminación.

Este é o caso da Obra Social de Caja Madrid, hoxe en día Bankia, que pretende eliminar 35 das 40 bibliotecas, coas que conta en todo o estado, da rede de bibliotecas xestionada pola súa Obra Social.

Unha destas bibliotecas é a que a obra social ten en Santiago de Compostela, situada nun edificio histórico en plena zona vella da cidade, e que presta un servizo imprescindible para unha boa parte da cidadanía que utiliza e desfruta dos servizos relacionados cos libros e a lectura.

Ademais péchase este servizo cando cumpre 8 anos de funcionamento, sendo un referente bibliotecario na cidade, ofrecendo actividades para todas as idades e cedendo o seu espazo a outras asociacións e entidades que puderon facer uso desta biblioteca.

Vaise deixar orfa unha boa parte da cidadanía, ademais de deixar o casco histórico sen un referente cultural.

Ante isto ANABAD-Galicia quere manifestar o rexeitamento ao peche de servizos culturais e nomeadamente á biblioteca que a Obra Social de Caja Madrid ten en Santiago de Compostela.

ANABAD-Galicia opina que se deben buscar solucións que impidan pechar este servizo para o que considera que pode existir algún acordo ou convenio coas administracións públicas. Queremos recordar que o Concello de Santiago ten un acordo coa Biblioteca Nova 33 da obra social de Novacaixagalicia que forma parte do centro sociocultural do Ensanche, polo que sería desexable que se pudese chegar a algún acordo deste tipo coa obra social de Caja Madrid que non implicase o peche desta biblioteca.

A Coruña, 30 de maio de 2012

A xunta directiva de ANABAD–Galicia

Seguindo as campañas contra o peche das bibliotecas da Obra Social de Caja Madrid-Bankia
Advertisement

As Letras que nos fixeron

Manifesto Día das Letras Galegas 2012 publicado no Faro de Vigo no que participa ANABAD-Galicia.

O Manifesto vai acompañado dun especial no que varios deseñadores homenaxean as 50 persoas ás que se lles adicou esta data facendo unha relectura dos carteis do Día das Letras Galegas. E un libro sobre os autores editado pola RAG e distribuído nos centros escolares.

Manifesto:

Neste 17 de maio chegamos xuntos co L de letra, de literatura, de libro. Chegamos co L de luz, de latexo, co L de lingua. Vimos celebrar o aniversario da maior festa cultural de Galicia, co L de cincuenta.

Neste 17 de maio tomamos a iniciativa, en liberdade, asumindo os riscos da propia creación. Os deseñadores realizamos cincuenta carteis; os escritores, cincuenta propostas microliterarias, cincuenta aturuxos, coma quen di. Os impresores ocupámonos da tiraxe de mil unidades de cada peza, de realizar mil coleccións de cincuenta carteis cada unha, nun total de cincuenta mil exemplares impresos, aos que contribuímos tamén os papeleiros. Os editores achegamos o resultado a colexios, bibliotecas e librarías en todo o país. Profesores, bibliotecarios e libreiros organizamos e convocamos exposicións posibles en Galicia enteira. Velaquí unha iniciativa conxunta de colaboración coa Real Academia Galega, na que está o Faro de Vigo cuhna publicación que recolle A volta ás Letras en cincuenta Días. Velaquí unha suma de entendemento e cooperación entre once entidades e institucións, cincuenta deseñadores e cincuenta escritores.

Neste 17 de maio vimos coas Letras no corazón, letraferidos, reunidos arredor da construción do país, dun país feito de palabras e de imaxes. Porque escribir é pensar, deseñar é pensar. Porque a palabra e o trazo conducen o pensamento. E o país cambia, amplíase e transfórmase segundo se vai pensando, segundo se vai narrando. Ensánchase cos novos territorios imaxinados, liberados segundo avanzamos, como quere Novoneyra, do Courel a Compostela. As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une. Porque somos as letras que lemos e as nosas son as que nos escriben, as que nos describen, as que nos pensan e nos fan pensar; son as que din quen somos, como galegos, tamén como individuos.

Somos o que lemos e estas son as Letras que nos fixeron, as que aínda nos fan.

Día Internacional dos Museos 2012

En 1977 o Consello Internacional de Museos (ICOM) acordou dedicar o día 18 de maio a que os museos se acheguen ao público e á sociedade e dar a coñecer os museos como unha institución ao servizo da sociedade e o seu desenvolvemento. Os Museos son un importante instrumento para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas e o avance do mutuo entendemento, da cooperación e da paz entre os pobos.

A celebración do Día Internacional dos Museos é un motivo para propiciar as iniciativas destinadas ao público, intentando ademais dirixir a atención das institucións das que dependen y dos gobernos cara as funcións e necesidades dos museos, e incrementar o diálogo entre os profesionais e as distintas disciplinas ou especialidades.

O tema deste ano é: Museos nun mundo cambiante. Novos retos, novas inspiracións. Recoñece que as institucións adoptan unha conduta interpretativa e movense nun medio cada vez máis fluído. Cada un esforzase por lograr obxectivos, por ter intereses diferentes e atraer a visitantes diversos. Pero a necesidad de prosperidade frente a estes cambios une a todas as institucións, grandes ou pequenas. Así, o DIM 2012 concéntrase tanto no crecemento dos museos e a construción do seu futuro, como en cuestións como o cambio climático ou os novos medios de comunicación electrónicos.

A sección española do Consello Internacional dos Museos ofrece un seguimento das actividades que se poden consultar desde o seu Twitter e Facebook. Propoñen a utilización do hashtag #DIM2012 para o seguimento das actividades deste día.

As institucións que realizan actividades de celebración poden incorporalas á Enquisa sobre o Día Internacional dos Museos 2012.

En Galicia A Asociación Amigos dos Museos de Galicia entregarán ese día o Premio Pedra do Destino 2012 á salvagarda do patrimonio cultural galego.