Arquivos mensuais: Agosto 2014

Declaración de ANABAD-Galicia ante o decreto que regula o préstamo de pago nas bibliotecas

libroscaindoO Real decreto 624/2014 de 18 de xullo, publicado o día 1 de agosto de 2014, determina o pago de dereitos de autor polo préstamo de pago para arquivos, museos e bibliotecas. Sendo estas últimas as máis afectadas por ser as que realizan principalmente este servizo de préstamo a usuarios.

Este decreto é unha transposición dunha directiva da Unión Europea que obriga a regular o préstamo de pago aos autores. Na reforma da Lei de Propiedade Intelectual española de 2007 xa se recollía este dereito que estipulaba o pago de 0,2€ aos autores por cada obra dispoñible ao préstamo nas bibliotecas e que o Estado fixo efectivo pagando polo total das bibliotecas en 2008 e, a partir do 2009, polas bibliotecas públicas de titularidade estatal.

O Real decreto deixa fora desta obriga de pago ás bibliotecas de centros educativos, ás bibliotecas de poboacións con menos de 5.000 habitantes e aquelas destinadas a atender persoas con minusvalías.

Establece o pago para aquelas bibliotecas de poboacións de máis de 5.000 habitantes, é dicir a maioría dos concellos que, ademais, pola Lei de Bases de Réxime Local, teñen a obriga de prestar ese servizo.

O decreto establece o pago de:

  • 0,004€ por préstamo realizado (a comezar a contar no 2016)
  • 0,05€ por usuario inscrito nas bibliotecas (desde xa, polo que se comezará a aplicar no primeiro semestre de 2015)

Mentras non se pode aplicar o pago por préstamo, establécese o canon de 0,16€ por obra adquirida pola biblioteca e dispoñible ao préstamo.

Teremos aínda que coñecer o regulamento que especificará como se vai ter en conta estes datos para poder facer o pago de forma efectiva. O decreto establece que son as entidades xestoras dos dereitos de autor quen recadarán estas cantidades.

 Como afecta isto ás bibliotecas galegas?

 En primeiro lugar fai recaer o peso do pago sobre os Concellos que son os servizos máis próximos á cidadanía e que máis invisten en cultura e infraestruturas culturais e que, contrariamente, son as que menos recursos dispoñen e que teñen que facer un sobre-esforzo sobre os seus minguados orzamentos.

 As bibliotecas levan anos de caída dos seus orzamentos e non poden facer frente a un canan que as vai afogar aínda máis.

 O decreto non contempla as diferentes realidades dos sistemas bibliotecarios. No caso galego non existe un carné de usuario único, polo que moitos usuarios son socios de máis de unha biblioteca. Desta maneira o decreto obriga a pagar máis de unha vez polo mesmo usuario.

 Da mesma maneira as bibliotecas que teñan socios doutros concellos ademais do propio, obrigan aos seus concellos a pagar por usuarios que non son cidadáns do concello propietario da biblioteca.

 As bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de préstamo son prexudicadas ao teren que aportar máis por dar un maior e mellor servizo o que repercutirá en que teñn que baixar o seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo das súas adquisicións.

Nas bibliotecas de menor tamaño e/ou con menores orzamentos pódese dar a paradoxa que o pago do canon sexa maior que o seu orzamento para adquisicións de obras.

Obrígase ás bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos préstamos para que os concellos propietarios da biblioteca poidan pagar menos cantidade polo canon.

As bibliotecas como escaparate da cultura e dos autores:

 As bibliotecas fomentan a cultura e a lectura, moitos autores son coñecidos e as súas obras son vendidas porque son difundidas nas bibliotecas. Se as bibliotecas dan menor servizo e adquiren menos fondos tamén repercutirá negativamente na promoción dos autores e estes deixarán de percibir ingresos por dereitos de autor. Polo tanto, os autores tampouco saen gañando con este decreto.

 Que opinamos en Anabad-Galicia:

  • Cremos no dereito dos autores a recibir ingresos por compensación do uso das súas obras como se recolle na LPI (Lei de Propiedade Intelectual).
  • O dereito dos autores a cobrar polas súas obras non pode ser incompatible coa difusión pública da cultura.
  • Non se pode facer recaer o peso da remuneración aos autores sobre as bibliotecas municipais, e os concellos, que prestan os seus servizos de proximidade á cidadanía e que promoven a lectura e a cultura.
  • O Estado debe establecer coas sociedades de xestión de dereitos de autor un pago único anual polos servizos prestados nas bibliotecas que non obrigue a xogar cos números sobre usuarios inscritos, préstamos realizados e adquisicións de obras.
  • O Estado e/ou as Comunidades autónomas son as que deben facer efectiva a remuneración aos autores sen que recaia o peso nos Concellos.

 ANABAD-Galicia axudará a crear e/ou apoiará as iniciativas que desde a sociedade se leven a cabo para facer desaparecer ou minimizar o impacto deste canon nas bibliotecas públicas.

 Na Coruña a 18 de agosto de 2014.

 A Xunta Directiva de ANABAD-Galicia

Advertisement