Polo seu interese reproducimos o artigo da doazón do fondo documental e biblioteca de Olga Gallego ao Arquivo de Galicia:

Polo seu interese reproducimos o artigo da doazón do fondo documental e biblioteca de Olga Gallego ao Arquivo de Galicia:
ANABAD–Galicia acaba de recibir a noticia da renuncia de Gabriel Quiroga Barro como Director do Arquivo de Galicia e Subdirector Xeral de Arquivos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade en Historia Moderna, pola USC en 1982, grado de Licenciado en Historia en 1984, funcionario en excedencia da Escala de Axudantes de Arquivos, Bibliotecas e Museos da Universidade de Santiago de Compostela e funcionario do Corpo Facultativo Superior de Arquivos da Xunta de Galicia, traballou na Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela entre 1987 e 1988, foi xefe so Servizo de Arquivos e Museos da Xunta de Galicia entre 1988 e 1994. Desde 1996 ata 2008 director do Arquivo do Reino de Galicia, e desde 2008 ata hoxe, director do Arquivo de Galicia e subdirector xeral de Arquivos, cunha demostrada experiencia profesional na xestión e dirección de centro de arquivos.
A súa renuncia faise efectiva despois da presentación do Plan Estratéxico do Gaiás, que, ao unificar nun edificio, o Arquivo e a Biblioteca de Galicia vai incidir na confusión entre ambos os dous centros e as súas diferentes misións, e fará imposible a chegada a bo porto dun proxecto de organización do sistema de arquivos de Galicia, dotándoo de normas legais que o creen e o estruturen, de centros e de profesionais que lle dean contido e permitan tanto a custodia e conservación dos fondos históricos, como os derivados da cada día máis presente administración electrónica, con garantías de futuro.
O seu perfil técnico, e o traballo realizado ata o de agora para poñer a andar o Sistema de Arquivos de Galicia desde a cabeceira, coordinando a acción de todos os arquivos da Xunta, participando no anteproxecto de lei de arquivos de Galicia, no decreto de creación da comisión de valoración de documentos da Xunta de Galicia, iniciando os estudos de series documentais, conformando as páxinas web dos arquivos, etc., estaba a dar os pasos precisos para poñer en marcha un sistema de arquivos autonómico.
Por todo isto, ANABAD–Galicia lamenta a súa renuncia, que se traducirá nunha perda palpable para os arquivos galegos, e con eles, para a totalidade da sociedade galega. E desexámoslle tamén que no seu próximo proxecto siga a desenvolver o seu traballo co mesmo rigor e dedicación que xa ten demostrado
A Coruña, 4 de xullo de 2012
A xunta directiva de ANABAD-Galicia
ANABAD-Galicia ante a presentación do Plan estratéxico do Gaiás-Cidade da Cultura desexa manifestar a súa fonda preocupación ante a reunión nunha soa sede do Arquivo e a Biblioteca de Galicia, porque supón unha considerable perda de identidade e de visibilidade de ambas as dúas institucións, e contribúe a incrementar a confusión entre as misións e funcións dos dous centros, do que pode derivar a desvertebración tanto do Arquivo coma da Biblioteca e, incrementar os problemas de funcionalidade dos edificios, ata facer inviable a súa operatividade.
Chámanos a atención que os dous únicos centros con contido na Cidade da Cultura sufran unha diminución de espazos e de visibilidade social. Especialmente cando no decreto de creación do Arquivo de Galicia de 10 de decembro de 2010, publicado pola Consellería de Cultura nesta lexislatura, pon de manifesto no seu preámbulo que: “é necesario que exista un arquivo que culmine a súa organización e reciba aqueles documentos que teñan carácter histórico procedentes dos restantes arquivos -administrativos e intermedios[…]. Un centro que reúna as adecuadas condicións construtivas e funcionais para asegurar a súa conservación, tratamento e posta á disposición dos cidadáns e da Administración, e que ao tempo posúa a necesaria dignidade arquitectónica para transmitir adecuadamente a relevancia da súa función; E na Lei de Bibliotecas de Galicia de 15 de xuño de 2012, publicada o día 27 de xuño, na súa exposición de motivos di: Especial atención merece neste título o papel outorgado á Biblioteca de Galicia como biblioteca central do sistema bibliotecario de Galicia, centro promotor da cultura galega e coordinador para a recuperación, conservación e difusión do patrimonio bibliográfico de Galicia calquera que sexa a súa situación…”
Entendemos que, independentemente dos problemas que a Xunta de Galicia teña para xestionar o complexo do monte Gaiás, é indispensable que a nosa Comunidade Autónoma conte co seu Arquivo, servizo da máxima relevancia nunha sociedade democrática, e a súa Biblioteca, como motor da cultura e do idioma de Galicia, cada un coa súa sede e o seu persoal, e cumprindo a súa misión específica, sen que, polo feito de ser instalados na Cidade da Cultura, deban sufrir, en primeira persoa, as consecuencias de ocupar espazos nesta infraestrutura de tan difícil xestión e articulación.
A Xunta Directiva de ANABAD-Galicia
A Coruña 3 de Xullo de 2012
A Coruña, 2 de xullo de 2012