Arquivos mensuais: Febreiro 2014

Achado de fragmentos do Livro da Montaria, de João I de Portugal, no Arquivo Histórico Provincial de Lugo

ANABAD – Galicia recibiu unha máis que interesante noticia, referida á localización, nun arquivo galego, concretamente no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, de parte dun códice do século XV: o desaparecido Livro da Montaria do rei portugués João I, noticia que as súas descubridoras, María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, arquiveiras e socias de ANABAD – Galicia queren compartir con nós.

Parabéns ás nosas compañeiras polo traballo realizado, e desexámoslles moito ánimo para desenvolver os estudos que han de seguir ao achado, e que, como sabemos, xa teñen en marcha.

ANABAD – Galicia

(Acceso al texto en castellano: livromonteria_castellano)

livro_01O ACHADO DE FRAGMENTOS DO LIVRO DA MONTARIA, DE JOÃO I DE PORTUGAL, NO ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE LUGO

Por María Díaz Bernárdez e Paloma Gómez Varela, arquiveiras do AHP de Lugo

A principios de abril de 2013, un investigador advirte que no índice dos protocolos notariais do distrito de Monforte de Lemos consta erroneamente no campo de observacións dun asento que a cuberta do protocolo é un pergamiño que contén un texto musical. Tomamos nota do comentario e revisamos o protocolo para comprobalo, pero chámanos poderosamente a atención o pergamiño en cuestión. Así empeza o descubrimento, na encadernación de varios protocolos de Monforte, de pregos de pergamiño que parecen fragmentos dun códice que trata de caza, escrito en galego ou en portugués e en escritura gótica.

Nun primeiro momento, tentamos identificar a obra e, cotexando co texto da copia publicada, descubrimos que se trata do Livro da montaria de João I de Portugal.

1. O LIVRO DA MONTARIA

Esta obra foi redactada na corte de João I de Portugal, ao parecer, por iniciativa directa do rei. Adoita datarse entre 1415 e 1433, porque, no texto, D. João intitúlase señor de Ceuta, e esta cidade foi tomada o 21 de agosto de 1415; finalmente, en 1433 prodúcese o pasamento do rei.

Está estruturada en tres libros, sumando un total de 70 capítulos. É unha das obras portuguesas máis notables do século XV.

A montaría é unha modalidade de caza maior que practicaban os reis e os nobres na Idade Media, tanto para divertirse como coa finalidade de adestrarse para a guerra. Ao longo da Idade Media e da Moderna desenvólvese en Europa un verdadeiro xénero de tratados sobre esta disciplina.

Este libro críase perdido ata o momento actual, agás un único fragmento que estudou o profesor Ramón Lorenzo, da Universidade de Santiago de Compostela, e que se atopaba en posesión dun particular[1].

2. HISTORIA DO CÓDICE

Como explica o profesor Lorenzo, a obra formou parte da biblioteca de D. João e do seu fillo D. Duarte, xa que o Livro dos conselhos ou Livro da Cartuxa contén o catálogo da libraría de D. Duarte e menciónao.

A partir dese momento, desaparecen as referencias ao manuscrito ata que, en 1626, o bacharel Manuel Serrão de Paz copia un exemplar que se atopa no Colexio da Compañía de Xesús de Monforte de Lemos. Pero non se conserva, aparentemente, nin o manuscrito de Monforte nin a copia do século XVII.

A finais do século XVIII ou principios do XIX, elabórase unha segunda copia a partir da primeira na que se declara que xa non se conserva o manuscrito medieval de Monforte. Esta segunda copia custódiase actualmente na Biblioteca Nacional de Lisboa e está publicada.

Na primavera do pasado ano, descubrimos fragmentos do que pode ser o manuscrito orixinal, ou dunha copia contemporánea del, na encadernación de varios protocolos notariais de Monforte de Lemos do século XVIII.

Partindo destes datos, ábrese o campo das conxecturas e das hipóteses sobre o que puido ter sido o seu devir.

Non parece arriscado pensar que, entre as posibles vías de chegada do Livro da montaria ao Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos, estiveran, malia que sen desbotar outras hipóteses, por un lado, as estreitas relacións entre a Compañía e a monarquía portuguesa, tecidas a base de vínculos familiares, relixiosos e políticos. Destaca a figura de Francisco de Borja, III xeneral da Compañía, quen visitou o reino de Portugal, o que lle levou a relacionarse persoalmente con membros da casa de Avís. Por outra parte, o cardeal D. Enrique, irmán do rei João III de Portugal, rexente á morte deste durante a minoría de idade do príncipe D. Sebastião e posteriormente coroado tras o falecemento daquel en agosto de 1578, consagrouse coma un firme aliado da Compañía de Xesús en Portugal, co cal a presenza de relixiosos xesuítas na corte dos últimos Avís foi patente, e é o que nos leva a pensar que, xa fora como agasallo, legado, herdanza ou outra vía de transmisión, ben poidera ter chegado o Livro da montaria ao colexio de Monforte de Lemos por medio dalgún relixioso, xa que a construción do colexio comeza en 1593 e en 1626 o códice xa se atopa alí.

Outra posibilidade suxire ao fundador do colexio, D. Rodrigo de Castro, como protagonista. A súa nai, a condesa de Lemos Dª Beatriz de Castro, casara en primeiras nupcias cun membro da casa de Braganza e varios dos seus fillos viviron en Portugal. Á morte de D. Dinís, o seu primeiro marido, Dª Beatriz contrae novamente matrimonio con D. Álvaro Osorio e ten outro fillo, que é o Cardeal. Este tivo intensas relacións cos seus medios irmáns e coa casa de Braganza. Sábese que viaxou a Portugal, que mantivo correspondencia cos seus parentes e que levou a cabo misións diplomáticas por encargo de Filipe II.

D. Rodrigo era un home cultivado, grande amante dos libros e posuidor dunha magnífica biblioteca. Tamén sabemos que era moi afeccionado á caza. Como é ben coñecido, o Cardeal deixou no seu testamento a súa biblioteca ao colexio de Monforte, onde permaneceu ata a expulsión dos xesuítas en 1767. Nese momento, a biblioteca debeu de empezar a desmembrarse. O colexio da Compañía de Xesús de Monforte convírtese no Real Seminario de Estudos ata 1773. En calquera caso, o paso dunha situación á outra puido ser causa do seu extravío ou desaparición.

Un episodio turbulento da historia de Monforte e do edificio da Compañía foi a Guerra da Independencia, segundo testemuños de relixiosos dalgunhas ordes establecidas na cidade cando as tropas francesas a asaltaron. O edificio, por aquelas datas, era Seminario de Humanidades e, ademais de contribuír con donativos para a Xunta Suprema de Armamento do Reino de Galicia, tivo que ceder cuartos para feridos e soldados e as súas aulas aos cadetes artilleiros. Posteriormente, foi ocupado e asaltado durante a estadía en Monforte das tropas do mariscal Soult en 1809. Aloxáronse alí causando numerosas desfeitas, roubos de alfaias e reliquias, e saqueando a biblioteca.

Aínda tendo en conta estas ou outras posibles causas, pensamos que a época en que foron utilizados os pregos do libro para encadernar protocolos notariais, probablemente no século XVIII, xa debía de atoparse o manuscrito estragado, desmembrado ou descosido como para que non resultara recoñecible e se lle dera este uso. De atoparse en perfecto estado, podería ter desaparecido, pero é máis difícil comprender que fora destruído a propósito para servir de encadernación.

A continuación, os protocolos notariais xa encadernados con estes pregos conserváronse nas dependencias do Concello de Monforte de Lemos ata a súa transferencia ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo. As azarosas vicisitudes que sofriron estes pregos nesta fase da súa historia están vinculadas aos cambios de localización do concello. A institución aloxouse na rúa da Falagueira, no recinto amurallado de Monforte de Lemos, dende a Idade Media ata a década dos anos 20 do século XIX. Concretamente en 1821 baixa á rúa do Comercio, ao edificio do Hospital do Santi Spiritus, pasando por fin á súa localización actual no Campo de Santo Antonio no ano 2000. Isto significa que no arquivo municipal da rúa do Comercio foron depositados os protocolos notariais como consecuencia do disposto na Lei do Notariado de 1862, senón xa antes, como sucedeu na cidade de Lugo. Posteriormente, o Decreto Lei de 8 de xaneiro de 1869 logra que se recollan nas cabeceiras de distrito notarial os protocolos das súas notarías, como é o caso de Monforte de Lemos. E é precisamente na rúa do Comercio onde é extraído dun protocolo notarial de 1720 o fragmento a que se refire o profesor Lorenzo.

Consonte o Convenio de 15 de abril de 1993 subscrito entre a Xunta de Galicia e o Colexio Notarial da Coruña, os protocolos notariais de máis de 100 anos do distrito de Monforte son transferidos ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

3. OS FRAGMENTOS CONSERVADOS

O estado de conservación dos pregos atopados nas encadernacións dos protocolos é moi bo en xeral, coa excepción de dobreces, algunha esgazadura e zonas desgastadas polo uso.

Cómpre destacar que algúns protocolos foron espoliados, uns rompendo o cosido da encadernación, outros separando follas cun instrumento cortante. Así, neste segundo caso, quedaron pequenos fragmentos de pergamiño prendidos ás costuras dos lombos. Trátase de pequenas tiras de difícil identificación dentro da obra en espera do seu descosido e restauración. Por poñer un exemplo concreto, a peza que o profesor Lorenzo estudou no seu artigo “Un fragmento dun manuscrito medieval do Livro da montaria de João I de Portugal”, no que se explica que o pergamiño foi “atopado” por un particular no Concello de Monforte de Lemos, foi arrancada da cuberta dun protocolo notarial que se atopa na actualidade custodiado polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, xunto cos demais protocolos centenarios do distrito de Monforte de Lemos.

O conxunto que se conserva no arquivo de Lugo está composto de dez pregos enteiros, dez medios pregos e catro fragmentos, maioritariamente dos libros primeiro e terceiro e, en menor cantidade, do libro segundo. Trátase dun texto a dúas columnas, con iniciais adornadas en cores vermella, azul e violeta, prolongándose os ornamentos cara a parte inferior da folla.

4. CONCLUSIÓN

Este artigo só pretende presentar o achado sobre o que se está a traballar neste momento, estudando os fragmentos custodiados neste centro e as posibilidades de existir outros semellantes noutros lugares, mentras esperamos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia autorice o descosido, restauración e edición dos fragmentos atopados.


[1]               LORENZO, Ramón. “Un fragmento dun manuscrito medieval do Livro da Montaria de D. João I de Portugal”. Verba, ISSN 0210-377X, 27 (2000), páxs. 9 – 32.

Advertisements

Memoria Anabad Galicia 2013

Presentamos a Memoria anual de actividades de Anabad Galicia correspondente ao ano 2013. Dámos conta da situación actual en canto á estrutura organizativa, actividades realizadas e ao programa de formación levado a cabo.

O dato a destacar no ano 2013 é o crecemento en número de persoas asociadas, recuperándonos da tendencia á baixa dos últimos anos. Dato importante se temos en conta o contexto de crise no que nos encontramos.

As actividades e a repercusión social da Asocación continúa sendo alta. Nas redes sociais continúa a medrar a nosa presenza e visibilidade, con incremento no número de seguidores e lectores, e con seguimento continuado das noticias do noso sector profesional.

No que corresponde ás actividades de defensa da profesión, incidimos especialmente nas demandas ante a administración e participamos, mediante alegacións, na elaboración de normativas como o Decreto de constitución do Consello de Cooperación Bibliotecaria e a Lei de Arquivos.

As actividades formativas continúan a ter boa acollida contando cun importante número de alumnado e a novidade de realizar algunha actividade gratuíta para persoas asociadas. Aínda así, non todas as actividades tiveron a mesma repercusión e, temos que sinalar, o curso que se cancelou por falta de participantes suficientes. Tamén destacamos que continuamos a ofrecer actividades en colaboración con outras entidades, neste caso coa Fegamp.

Como resultado negativo temos que sinalar a imposibilidade de crear grupos de traballo estables e a pouca implicación das persoas asociadas na vida da Asociación. Malia isto, a finais de ano lanzouse un grupo de autoformación en oposicións bibliotecarias que agardamos teña boa acollida.

Podes consultar a Memoria premendo na imaxe:

Memoria 2013

Formación: Supostos prácticos para Bibliotecas

librosTítulo: SUPOSTOS PRÁCTICOS PARA FACULTATIVOS DE GRAO MEDIO DE BIBLIOTECAS

Data e duración: Do 17/03 ao 7/05 do 2014. 30 horas

Edición: en liña. Aula Cesga

Docente: Elena Sánchez Muñoz. Facultativo Grado Superior de Bibliotecas da Xunta de Galicia e Facultativo Grado Medio de Bibliotecas en excedencia. Licenciada en Documentación pola Universitat Oberta de Catalunya.

Prazas: 30 prazas

Matrícula: socios: 90 € / non socios: 120 €

Programa