Arquivos mensuais: Marzo 2014

Abril, mes do libro, 2014

En Abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de Abril) e o Día Internacional do Libro (23 de Abril). Desde ANABAD-Galicia queremos axudar a difundir as actividades que con motivo destas celebracións se van realizar nas bibliotecas galegas.

Mensaxe do Día internacional do Libro Infantil: Carta ás crianzas do mundo

DILI_2014_gl

Algunhas actividades nas Bibliotecas Galegas (en construción):

Antas de Ulla: Biblioteca municipal:

  • 2 de abril: lectura carta do día do libro, exposición de libros sobre comida e cociña, temática do concurso de narración e debuxo das Letras gaelgas.
  • 23 de abril: saída ao campo con merenda e contacontos na natureza.

Arteixo: Rede de bibliotecas municipais: Mes de Abril con un programa completo de actividades en todas as bibliotecas da rede municipal. celebración dos 25 anos de Bibliotecas en Arteixo. Obradoiros con Chrystyan Magic, Contacontos, Cocicontos saudables, Homenaxe ás artes e A Biblioteca sae á rúa. Programa completo.

Betanzos: Biblioteca Municipal:

  • Día 2: Inauguración de exposición adicada á vida e obra do escritor Hans Christian Andersen do 2 ao 30 de abril.
  • Día 26: o escritor e debuxante, Xosé Tomás impartirá, na Bibblioteca Municipal de Betanzos, un obradoiro de ilustración para nenos e nenas.

Bóveda: Axencia de Lectura:

  • Día 2: Exposición de cartaces de Gálix e lectura do manifesto; Obradoiro de Pintura de mans ás 17h.
  • Día 5: Proxección da película O Apóstolo, ás 18h.
  • Día 23:Presentación do Clube de lectura de Bóveda, ás 19,30h.; Obradoiro Xogando cos clásicos.
  • Día 25: Contacontos Érase unha vez uns zapatos, con Fátima Fernández ás 11h.

Caldas de Reis: Biblioteca Municipal Martínez Ferro:

  • Día 2: Contacontos con Raquel Queizás, ás 18h.
  • Durante o mes de Abril “Unha Primavera de Contos”, amplo programa de actividades que se prolongarán até xuño. Programa completo.

Camariñas: Biblioteca Municipal:

  • Día 2: Contacontos, títeres e maxia co título de Conto Contigo con Manuel Solla Barragáns, ás 13,45h. dentro do programa Sobremesa Sorpresa, na actiidade lerase o manifesto polo día do libro infantil.

A Coruña: Biblioteca da Deputación:

  • Día 2: Obradoiro “Andersen onte e hoxe”
  • Día 23: Obradoiro do Día do Libro; Entrega premios concurso “palabra de amor”; Visitas guiadas; Biblioteca Móbil; Bookcrossing…
  • Concurso: Palabra de amor, terceira edición deste premio que consiste en composicións amorosas de 140 caracteres co lema #140deamor.
  • Programa completo: En abril libros mil

A Coruña: Biblioteca Nodal Miguel González Garcés:

  • Día 2: lectura do manifesto; Celebración do día internacional da narración oral con “Monstros e Dragóns”; Xogando á pita cega cos contos de Andersen; Bookcrossing
  • Día 5: contacontos con Fabiana Gastaldello, para maiores de 5 anos ás 12h.
  • Día 23: Obradoiro de escrita de guións literarios, con Adolfo Ponte Velasco, para adultos; Cita a cegas cun libro; I Certame de Poesía da Biblioteca: comunicación do fallo do xurado e entrega de agasallos para os premiados, ás 13h.

A Coruña: Bibliotecas Municipais:

  • Día 22: Biblioteca do Forum: Con cen poemas por barba con María Lado e Lucía Aldao, ás 19h.
  • Día 23: Lectura do Quixote con Antonio Couto: Xornada de portas abertas e agasallo de libros nas estacións.
  • Programa

Ferrol: Biblioteca Muncipal:

  • Día 2: Obradoiro de plastilina cos personaxes de Andersen para maiores de 3 anso, ás 18h.
  • Día 4: Contacontos con Soledad Felloza, ás 18h.
  • Día 23: Contacontos con Noelia Soriano, ás 18h.
  • E ademais: visitas escolares; clubes de lectura; Recital de poesía dentro da Semana da Poesía Salvaxe.

Lugo: Biblioteca Nodal: lectura do manifesto, contacontos, roteiros literarios, visitas guiadas, sorteos de libros, clubes de lectura, visitas escolares… Programa completo.

Lugo: Biblioteca da UNED: “Fotografíate co teu libro favorito” iniciativa dirixida á comunidade universitaria da Uned na que se pode gañar un lote de libros. Bases do concurso.LugoUned

Monterroso: Biblioteca Municipal:

  • Día 2: lectura do manifesto; Mostra bibliográfica sobre Hans Christian Andersen e obradoiro sobre O soldadiño de chumbo.
  • Día 23: Mostra bibliográfica sobre Cervantes e contacontos a cargo de Elefante Elegante coa obra Lobo lobo, ás 17,30h.

Oleiros: Rede de bibliotecas municipais: “En Abril libros mil”: Hora do conto, Ler para saber: charlas e obradoiros de divulgación científica, Exposicións bibliográficas, recitais de poesía… Programa completo.

Soledad Felloza

Ortigueira: Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre:

  • Día 2: obsequio de broche conmemorativo coa imaxe do cartel deste ano a todos os usuarios do servizo de préstamo infantil durante este dí.a.
  • Día 23: Photocall na biblioteca; Séntate a ler! liberación de libros nos parques.
  • Día 25: Contacontos “Érase unha vez uns zapatos…” con Fátima Fernández ás 17,30h.

Ourense: Biblioteca Nodal: amplo programa de actividades no  mes de Abril:

  • Día 2: Contiños con Susana: contacontos e lectura do manifesto, ás 18,30h.
  • Día 23: O príncipe predestinado: con Eugenia Muñoz. Unha viaxe ao mundo dos xeroglificos exipcios a través dún misterioso papiro esnaquizado. Obradoiro para rapaces de 7 anos en diante, ás 18:30h. Visitas guiadas á Biblioteca.
  • Programa completo.

Oroso: Biblioteca municipal:

  • Día 2: lectura da carta aos nenos do mundo e contacontos con Xandobela ás 18h.
  • Día 23: Contacontos “O Soño do rato” con Intres ás 18h.

Pontevedra: Deputación Provincial:

  • 23 de Abril: A Deputación agasallará con publicacións institucionais a aquelas persoas que se acheguen ao Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental entre as 9 e as 21h.

depo

Redondela: Bibliotecas Municipais:

Ribadavia: Biblioteca municipal:

  • Durante todo o mes de abril: Exposición sobre Banda Deseñada Galega
  • Día 2: Nanoteatro, contacontos escenificados
  • Día 24:  Glup Glup Teatro coa obra Catalina Lino Lina

Rois: Biblioteca municipal:

  • Día 2: Contacontos e conmemoración do día do libro ás 18h.
  • Día 4: Visita ao salón do libro de Pontevedra.
  • Día 11: Clausura do programa Rosalía nos cinco sentidos
  • Programa completo

Santiago de Compostela: Biblioteca Nodal Ánxel Casal:

  • Día 2: Lectura do manifesto do día do libro infantil; Maratón de lectura: imaxina os países a través da historia; Obradoiro de creación literaria “A biblioteca imaxinaria” a cargo de Buratini.
  • Día 23: Obradoiro de creación literaria “A biblioteca imaxinaria” a cargo de Buratini; Sorteo de lotes de libros; Visitas guiadas extraordinarias.
  • Programa compleo abril.

Santiago de Compostela: Biblioteca da Fundación Granell:

  • Día 23: Bookcrossing: A Fundación súmase a unha liberación de libros que realizarán simultaneamente museos de todo o mundo.
  • Semana do Libro: do 22 ao 24 de abril: Libro por Libro, feira de intercambio de libros de arte.
  • Programa completo.

Granell

O Saviñao: Biblioteca municipal:

  • Día 2: Exposición bibliográfica “Hans Christian Andersen” durante a primeira semana de abril. Lectura do manifesto. Obradoiro de manualidades “Fedella con OINK!” o día 4 de abril.
  • Día 23: Exposición bibliográfica “Cervantes e Shakespeare” durante a semanado Día do Libro.

Sober: Biblioteca Municipal:

  • Día 2: lectura do manifesto; Os libros na árbore: árbore creada con follas de recordos de lecturas; Bookcrossing no parque infantil.
  • Día 4: Coñecendo o audiovisual
  • Día 11: os libros na árbore
  • Día 23: agasallo de lirbos; Contacontos: a lingua a P(l)lacer con Caxoto, ás 12h. no CEIP Virxe do Carme
  • Día 25: II Mercado de libros; Os libros na árbore: colocación das follas na árbore.

Vigo: Biblioteca Neira Vilas:

  • Día 2: Mostra bibliográfica de libros infantís. Obradoiro Animalario Fantástico
  • Días 15 e 16: Obradoiro de cabezudos
  • Día 23: lectura pública de textos a cargo dos membros do club de lectura
  • Programa completo

Vigo: Biblioteca Pública Juan Compañel:

  • Día 2: “A volta ao mundo en oito máquinas”, por Polo Correo do Vento ás 18,30h. e obradoiro de debuxo; “Cóntame un conto de Andersen”: mostra bibliográfica na sala infantil até o 5 de abril; Concurso de debuxo infantil de 3 a 12 anos.
  • Día 23: Obradoiros creativos para maiores de 6 anos: “Marcapáxinas-lupa no día do libro, para guiar a lectura do Quixote”, con Elena Carracedo.

Xermade: biblioteca municipal:

  • Día 2: Sesión de contacontos de libros contentos de Carmen Domech, ás 18h., e entrega de agasallados a premiados no Certame de Poesía Infantil “Nadal 2013”
Advertisement

Os arquivos públicos na prensa e a futura Lei de arquivos e documentos de Galicia

desastrearquivosEstes días levan aparecendo na prensa distintas noticias relacionadas cos problemas de custodia dos documentos públicos: Expedientes xudiciais que se acumulan nos xulgados, documentos dunha policía local que non aparecen e que afectan a unha investigación xudicial; e se nos remontamos uns meses máis atrás expedientes de contratación da administración autonómica solicitados por deputados autonómicos e que son de difícil ou imposible localización, etc.

Isto non é unha novidade para os profesionais que desenvolven o seu traballo nos arquivos. A falta de recursos nos Arquivos de Galicia é un problema sen resolver dende hai moitos anos, máis de trinta anos de autogoberno non serviron para paliar estas dificultades. Ningún dos ámbitos administrativos de Galicia: a Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia, os Concellos, xulgados e tribunais, etc. realizaron investimentos suficientes para atender á xestión do seus documentos.

O problema é tan xeralizado que daría para ilustrar a prensa a diario. As posibles solucións que se recollen falan case exclusivamente da eliminación de documentos, nunca de melloras na xestión documental, de posibilidades de cambio de soportes, de dotacións económicas para depósitos de arquivos ou para persoal para atendelos.

Poucas veces se reflicte que a falta de políticas arquivísticas con medios axeitados ten unhas graves consecuencias que afectan a toda a sociedade. Unha desatención continuada dos arquivos públicos leva aparellada unhas administracións ineficaces, ineficientes e pouco transparentes.

Mesmo que non teña tanta presenza nos medios, nestes días tamén é actualidade a tramitación no Parlamento de Galicia da primeira Lei de arquivos e documentos. A Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (ANABAD-Galicia) celebramos a iniciativa, aínda que sexa trinta e tres anos despois da promulgación do Estatuto de Autonomía.

Coñecemos e participamos no trámite de audiencia do anteproxecto desta lei, porén chamounos a atención que o proxecto que chegou ao Parlamento tivese moitas modificacións que entendemos supoñen dar un maior peso a dimensión cultural dos arquivos e dilúen a función clara destes como servizos públicos garantes de dereitos e deberes, propios dunha sociedade democrática.

Será esta lei a solución dos males crónicos dos arquivos públicos de Galicia?

Non nos atrevemos a responder, pero si podemos afirmar que as cuestións principais que, ao noso xuízo, deberían resolverse coa aprobación dunha Lei de arquivos para Galicia son dúas:

  1. A concepción dos arquivos como unidades administrativas que aseguran a xestión administrativa continuada, eficaz e eficiente, garantindo a transparencia administrativa e a defensa e cumprimento dos dereitos e deberes das administracións e dos cidadáns, é dicir unha concepción que vai máis alá do concepto tradicional de custodios do patrimonio documental, a que tampouco renunciamos.
  2. A dotación económica suficiente para resolver as deficiencias crónicas de falta de locais adecuados e de persoal dos arquivos públicos de Galicia.

Esperamos que os nosos representantes no Parlamento de Galicia consigan aprobar unha lei ambiciosa e capaz de dotar de ferramentas que permitan solucionar os graves problemas cos que se atopan na actualidade os arquivos públicos de Galicia.

Na Coruña a 27 de marzo de 2014

A Xunta Directiva de Anabad Galicia

Datos, estatísticas e Información sobre as bibliotecas galegas

imxestatisticasNos últimos meses levamos asistindo a un baile de datos continuos e estatísticas sobre a realidade das bibliotecas públicas galegas. Ás cifras do INE, e ás publicadas pola Rede de Bibliotecas de Galicia (as dúas con datos do 2012), ven a sumarse o relatorio do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega (marzo de 2014 pero baseado neses datos de 2012).

INE

O INE publica os seus propios datos que recolle nunha enquisa bienal na que se envía un formulario ás bibliotecas e que estas poden contestar ou non. Non se reclaman datos ás que non o envían (malia a obrigatoriedade da mesma) e non se corrixen habitualmente as informacións aportadas polas bibliotecas ou as institucións das que dependen.

Como sinalamos nunha nota publicada neste blogue en xaneiro deste ano, a desaparición de 49 bibliotecas sinalada polo INE con respecto ao 2008 non se corresponde coa realidade. Moitas bibliotecas consideradas como tales en anos anteriores deixaron de figurar, algunhas bibliotecas estaban pechadas temporariamente no momento da enquisa e/ou non responderon á mesma. Os cambios de criterios sobre o que é unha biblioteca ou non… Todo isto leva ao INE a sinalar que desapareceron ese número de bibliotecas, cousa que non se corresponde coa nosa información, nin coas estatísticas da Rede de Bibliotecas e, desde logo, non se corresponde coa preocupación social que un feito dese tipo tería provocado na nosa sociedade: nin a prensa, nin as asociacións, nin os partidos políticos teñen denunciado estes feitos que serían incomprensibles e pouco defendibles social e politicamente.

RBG

A Rede de Bibliotecas de Galicia non contempla esta caída no número de bibliotecas aínda que si se observan baile de cifras sobre os puntos de servizo que varian en pouco máis de 300 desde o ano 2006, debido tamén ao cambio de criterios e ás normas e requerimentos que se foron obrigando a cumprir nas bibliotecas para ser consideradas como tales. No 2012 contamos con 307 puntos de servizo, segundo a Rede de Bibliotecas, frente aos 505, indicados polo INE (diferenza de criterios entre elas).

A caída no número de puntos de servizo non é tal e quedaría compensado polo incremento da superficie total ocupado polas bibliotecas e de uso bibliotecario que se incrementou desde o 2006.

Calidade

Os datos estatísticos por si sós non falan da calidade da prestación dos servizos nin das necesidades que demandan as bibliotecas públicas galegas, nin dos puntos febles que temos, nin das melloras destes últimos anos. Así podemos destacar:

Como aspectos negativos:

  • A baixada nos investimentos en bibliotecas que pasou de 5,5 millóns de 2008 a 1,3 millóns en 2012.
  • A asistencia de usuarios a bibliotecas que está no 16,3%, 4 puntos por baixo da media estatal de 20,5% de visitantes e 10,5 puntos por baixo de Cataluña que lidera as visitas no estado con 26,7%.

Como aspectos positivos:

  • O xa citado incremento en superficie bibliotecaria
  • O aumento no número de visitantes ano a ano (por riba da media do estado, pero aínda lonxe da media)
  • O aumento no número de persoas asociadas
  • O incremento nas adquisicións de fondos documentais
  • O incremento no número de préstamos realizados

Un aspecto importante a valorar é o peso que ten a provincia da Coruña, e dentro deste a comarca da Coruña, en todos os indicadores: concentra o maior número de bibliotecas, de persoal, de préstamos, de incremento de fondos, de infraestructura e investimentos…

Investimentos

No tema de investimento, además da caída continua dos últimos anos que xa sinalamos en varias ocasións, temos que destacar a porcentaxe de participación das diferentes administracións nas bibliotecas así segundo as diferentes estatísticas temos:

Porcentaxe 2012

INE

RBG

Estado

5,1

0,01

Deputacións

2,8

5,5

Xunta

18,9

26,57

Concellos

53

67,88

Como vemos os datos son moi diferentes, pero en calquera caso é de destacar o pouco peso que teñen o estado e as deputación en financiar as bibliotecas públicas galegas, entre o 5 o 8% provén destas dúas administracións.

O maior peso recae nos concellos, por outro lado propietarios da maioría das infraestruturas bibliotecarias públicas, e que, por tanto, deben responder por elas. Sen embargo cremos que as Deputación deberían participar do financiamento das mesmas, sobre todo naquelas provincias menos desenvolvidas bibliotecariamente: Lugo e Ourense.

Mapa de Bibliotecas:

A recente constitución do Consello de Cooperación Bibliotecaria (o pasado 17 de marzo) , órgano recollido na Lei 5/2012 de Bibliotecas, é esperanzador para a mellora da política bibliotecaria no país. Unha das tarefas máis importantes que terá que desenvolver é a realización do Mapa de Bibliotecas públicas de Galicia. Trátase dunha ferramenta de planificación fundamental xa que contará con:

Censo de bibliotecas públicas: cos datos reais do número de postos de servizo, infraestrutura, persoal, fondos… Instrumento para coñecer con certeza os datos estatísticos das bibliotecas do noso país.
Estándares de Bibliotecas públicas: que marcarán a política de desenvolvemento das bibliotecas públicas nos próximos anos: determinarán cara aonde queremos ir cos servizos bibliotecarios.

O Mapa de Bibliotecas permitiranos situar a cada biblioteca na súa tipoloxía segundo determina a Lei de Bibliotecas. Unha vez feito isto, tamén permitirá crear os Consellos asesores territoriais de Bibliotecas, pendente de desenvolver, e no que terían que estar representadas todas as administracións con competencias bibliotecarias, o que debería asegurar a participación das deputacións na mellora das bibliotecas.

Esperamos que no futuro, a creación destas ferramentas e o desenvolvemento destes órganos sirvan para mellorar as bibliotecas e coñecer con certeza con que servizos contamos e a calidade dos mesmos, así como podermos contar coa colaboración de todas as administracións no desenvolvemento e mellora das bibliotecas públicas galegas.