Cambios no dominio e nas ferramentas de comunicación da Asociación

Bamad

O pasado 19 de setembro celebramos Asemblea Xeral Extraordinaria de Anabad Galicia na que se escolleu un novo acrónimo da Asociación. Continuamos a ser a mesma entidade: Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Documentalistas e Museólogos de Galicia, sen embargo as nosas históricas siglas, con xa máis de 30 anos anos de antigüidade, tiveron que ser cambiadas ao termos decidido, en Asemblea Xeral Extraordinaria, deixar de formar parte da Federación Anabad.

O noso novo acrónimo é BAMAD GALICIA e con este novo nome comezamos unha nova etapa que implica cambios tamén nas ferramentas de comunicación. Desta maneira comezamos cun novo dominio que agora pasa a ser bamad.gal iniciando así, xunto co noso novo nome, o dominio .gal que representa a lingua e cultura galega en internet e que comezou a funcionar en xullo de 2014.

Este cambio de dominio tamén nos leva a comezar con novo web/blogue e novo deseño que agardamos sexa do voso agrado. O cambio tamén será de enderezos de email que serán enviados a todas as persoas asociadas. Ademais, desde este mesmo blogue, no apartado Contacta, tamén te poderás poñer en contacto con nós.

O Twitter non cambia xa que pudemos cambiar de nome sen cambiar a conta, polo que podes continuar a seguirnos en: https://twitter.com/bamadgalicia

Coa páxina de Facebook tivemos que crear unha nova conta para que non continúe a figurar o anterior acrónimo. É por iso que se nos segues a través de Facebook deberás cambiar ao noso novo enderezo e seguirnos en: https://www.facebook.com/pages/Bamad-Galicia/348820888625416

Este blogue https://anabadgalicia.wordpress.com que nos acompañou desde xullo de 2011 deixará de estar accesíbel proximamente, xa que todos os seus contidos foron transferidos ao novo blogue: http://bamadgalicia.wordpress.com

Grazas por continuar seguíndonos!

Amortizacións de postos de traballo de arquivos, bibliotecas e museos da Xunta de Galicia

A Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia, BAMAD-Galicia, quere manifestar a súa posición contraria á proposta de amortización de 15 postos de traballo nos arquivos, bibliotecas e museos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
 
Estas amortizacións van supoñer unha  perda de funcionalidade e operatividade, nuns centros cunhas plantillas xa moi reducidas para atender aos seus cometidos. Se á redución de persoal  engadimos os recortes orzamentarios destes últimos anos, estamos a falar da asfixia dos arquivos, bibliotecas e museos da Xunta de Galicia
 
Reclamamos, pois, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que retire esta proposta de RPT, que non responde ás necesidades dos centros, para retomar a racionalidade na distribución do persoal.
Postos a amortizar segundo a última proposta de RPT da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que corresponden aos centros de arquivos, bibliotecas e museos.
 
En arquivos suprímense : 1 praza de técnico superior de arquivos, 4 de técnico medio de arquivos, 1 restaurador de papel e 1 auxiliar de arquivos.
 
En bibliotecas suprímense: 5 prazas de técnico medios de bibliotecas e 1 auxiliar de bibliotecas
 
En museos: 1 técnico superior de museos e 1 auxiliar de museos
A Coruña, 7 de novembro de 2014
A xunta directiva de BAMAD-Galicia

Orzamentos 2015 da Xunta para Arquivos e Bibliotecas

Comunicado de BAMAD Galicia ante os novos orzamentos da Xunta de Galicia para Arquivos e Bibliotecas 2015

 O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2015 conxela todas as partidas para Bibliotecas e reduce un 8,3% as de Arquivos. Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros, proceso iniciado hai xa varios anos, e seguen a reducir as posibilidades de levar unhas políticas arquivísticas e bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país.

Os orzamentos non son bos. No conxunto orzamentario 2015 os orzamentos da Xunta medran un escaso 0,5%, sen embargo nesas partidas o orzamento para cultura estáncase e queda na mesma cantidade que no 2014. Aínda sendo o mesmo globalmente para a cultura, os arquivos reducen o seu orzamento nun 8,3%.

Estes datos son especialmente negativos xa que levamos acumulados anos de recortes orzamentarios. A isto debemos engadir que nos encontramos nun momento no que, tanto os arquivos como as bibliotecas, requiren dun impulso que debe ser apoiado economicamente. Acaba de ser aprobada a Lei de Arquivos (Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia), lei que temos valorado como un avance, malia recoñecemos a súa eiva económica, xa que non establece compromisos de financiamento que permita desenvolvela, como xa manifestamos en varias ocasións. Contar cunha lei de arquivos eficaz require contar tamén con partidas adecuadas para o seu desenvolvemento.

As Bibliotecas encóntranse nunha situación similar. A lei aprobada no 2012 está pendente de desenvolver ferramentas que a farán máis útil e eficaz. Está pendente de rematar o Mapa de Bibliotecas e aprobar e publicar os Indicadores de bibliotecas así como establecer elementos de cooperación bibliotecaria que permitan que todas as administracións colaboren na mellora das bibliotecas. Ferramentas que consideramos imprescindibles. Por outro lado, a creación de novos servizos como de Galicia Le, que valoramos moi positivamente e que facilita o acceso á lectura de libros electrónicos a todas as persoas asociadas ás bibliotecas galegas requiren de máis apoio para ofertar máis títulos e novos servizos.

Ante esta situación, os profesionais reclamamos da Xunta de Galicia un esforzo en materia de orzamentos para arquivos e bibliotecas, centros rendibles social e tamén economicamente, e que cese a asfixia económica que supón a súa redución orzamentaria.

A Xunta Directiva da Asociación de arquiveiros, bibliotecarios, museólogos e documentalistas de Galicia, BAMAD Galicia

Na Coruña a 23 de Outubro de 2014


Incorporamos cadros comparativos e gráficos dos últimos catro anos

BIBLIOTECAS:

Partidas 2015 2014 2013 2012
Bolsas formación (4800) 217.740 217.740 217.740 243.920
Equipamento da rede (mobiliario) (6251) 90.000 90.000 100.000 64.800
Lotes fundacionais (6281) 600.000 600.000 650.000 1.500.684
Obras e reparacións na rede de bibliotecas de Galicia (6322) 60.000 60.000 100.000 190.000
Promoción da lectura (6402) 200.000 200.000 300.000 346.845
Actividades culturais (6405) 200.ooo 200.000 200.000 250.000
Formación 10.500 10.500 10.500 15.000
Total 1.378.240 1.378.240 1.578.240 2.611.249

 

ARQUIVOS :

Partidas 2015 2014 2013 2012
Conservación do Patrimonio documental en arquivos (4801) 107.406 107.406 107.406 111.762
Maquinaria, instalacións e utensilios de arquivos. adquisicións (6231) 14.972 14.972 14.972 24.000
Mobiliario e útiles de arquivos (6252) 8.835 8.835 8.835 25.000
Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) 30.000 60.000 60.000 167.058
Adquisicións e restauración do patrimonio documental (6284) 75.000 75.000 75.000 122.285
Movemento e traslados de fondos documentais (6285) 2.100 2.100 2.100 3.907
Publicacións en materia de arquivos (6286) 14.095 14.095 14.095 23.000
Obras de conservación de arquivos (6321) 30.000 30.000 30.000 36.445
Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental (6404) 50.000 50.000 50.000 60.000
Total 332.408 362.408 362.408 573.457

 

Gráficos

Orzamentos 2014 para Arquivos e Bibliotecas, totaisgraf20151

Bibliotecas detalle e total

Graf20152 

Arquivos detalle e total

graf20153