Os arquivos públicos na prensa e a futura Lei de arquivos e documentos de Galicia

desastrearquivosEstes días levan aparecendo na prensa distintas noticias relacionadas cos problemas de custodia dos documentos públicos: Expedientes xudiciais que se acumulan nos xulgados, documentos dunha policía local que non aparecen e que afectan a unha investigación xudicial; e se nos remontamos uns meses máis atrás expedientes de contratación da administración autonómica solicitados por deputados autonómicos e que son de difícil ou imposible localización, etc.

Isto non é unha novidade para os profesionais que desenvolven o seu traballo nos arquivos. A falta de recursos nos Arquivos de Galicia é un problema sen resolver dende hai moitos anos, máis de trinta anos de autogoberno non serviron para paliar estas dificultades. Ningún dos ámbitos administrativos de Galicia: a Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia, os Concellos, xulgados e tribunais, etc. realizaron investimentos suficientes para atender á xestión do seus documentos.

O problema é tan xeralizado que daría para ilustrar a prensa a diario. As posibles solucións que se recollen falan case exclusivamente da eliminación de documentos, nunca de melloras na xestión documental, de posibilidades de cambio de soportes, de dotacións económicas para depósitos de arquivos ou para persoal para atendelos.

Poucas veces se reflicte que a falta de políticas arquivísticas con medios axeitados ten unhas graves consecuencias que afectan a toda a sociedade. Unha desatención continuada dos arquivos públicos leva aparellada unhas administracións ineficaces, ineficientes e pouco transparentes.

Mesmo que non teña tanta presenza nos medios, nestes días tamén é actualidade a tramitación no Parlamento de Galicia da primeira Lei de arquivos e documentos. A Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (ANABAD-Galicia) celebramos a iniciativa, aínda que sexa trinta e tres anos despois da promulgación do Estatuto de Autonomía.

Coñecemos e participamos no trámite de audiencia do anteproxecto desta lei, porén chamounos a atención que o proxecto que chegou ao Parlamento tivese moitas modificacións que entendemos supoñen dar un maior peso a dimensión cultural dos arquivos e dilúen a función clara destes como servizos públicos garantes de dereitos e deberes, propios dunha sociedade democrática.

Será esta lei a solución dos males crónicos dos arquivos públicos de Galicia?

Non nos atrevemos a responder, pero si podemos afirmar que as cuestións principais que, ao noso xuízo, deberían resolverse coa aprobación dunha Lei de arquivos para Galicia son dúas:

  1. A concepción dos arquivos como unidades administrativas que aseguran a xestión administrativa continuada, eficaz e eficiente, garantindo a transparencia administrativa e a defensa e cumprimento dos dereitos e deberes das administracións e dos cidadáns, é dicir unha concepción que vai máis alá do concepto tradicional de custodios do patrimonio documental, a que tampouco renunciamos.
  2. A dotación económica suficiente para resolver as deficiencias crónicas de falta de locais adecuados e de persoal dos arquivos públicos de Galicia.

Esperamos que os nosos representantes no Parlamento de Galicia consigan aprobar unha lei ambiciosa e capaz de dotar de ferramentas que permitan solucionar os graves problemas cos que se atopan na actualidade os arquivos públicos de Galicia.

Na Coruña a 27 de marzo de 2014

A Xunta Directiva de Anabad Galicia

Advertisements

Unha resposta a “Os arquivos públicos na prensa e a futura Lei de arquivos e documentos de Galicia

  1. Pingback: Orzamentos 2015 da Xunta para Arquivos e Bibliotecas | BAMAD Galicia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s