Esta celebración foi proposta polo Consello Internacional dos Monumentos e Lugares Históricos (ICOMOS) o 18 de abril de 1982 e aprobado pola Asemblea Xeral da UNESCO en 1983. O seu fin é promover a toma de conciencia sobre a diversidade do patrimonio cultural da humanidade, da súa vulnerabilidade e dos esforzos que require para a súa protección e conservación.
Cada ano é dedicado a unha temática diferente. Neste 2013 o tema escollido é O Patrimonio da Educación, incluíndo nesta denominación todo tipo de ben patrimonial que, no marco da diversidade cultural mundial, están relacionados coa educación. Os comités nacionais do ICOMOS están invitados a organizar manifestacións relacionadas con esta data tan importante: xornadas, conferencias, notas de prensa, paneis, visitas a bens patrimoniais, etc.
En Galicia contamos cun magnífico Museo que recolle os obxectivos do ICOMOS deste ano. O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) é o centro destinado a recuperar, salvagardar, estudar, mostrar e difundir todas aquelas expresións educativas que poñan de manifesto a variedade e riqueza do patrimonio pedagóxico de Galica, posibilitando así a súa catalogación, sistematización e custodia. Deste xeito, asegurarase a súa permanencia no tempo, fomentarase a súa indagación científica e propiciarase a súa transmisión como legado vivo e en emerxencia continua ao acervo cultural de Galicia.
Propostas de interese relacionadas:
- Os museos estatais serán gratuítos o 18 de abril sumándose á celebración desta data
- Bens de interese cultural inscritos no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia (a 1 de outubro de 2012)
- Patrimonio Galego: un proxecto colectivo para inventariar todo o patrimonio cultural galego
- Recomendacións para o acceso ao Patrimonio Moble de Galicia propostas pola Comisión Técnica Temporal para o Acceso ao Patrimonio Moble de Galicia do Consello da Cultura Galega.