Datos, estatísticas e Información sobre as bibliotecas galegas

imxestatisticasNos últimos meses levamos asistindo a un baile de datos continuos e estatísticas sobre a realidade das bibliotecas públicas galegas. Ás cifras do INE, e ás publicadas pola Rede de Bibliotecas de Galicia (as dúas con datos do 2012), ven a sumarse o relatorio do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega (marzo de 2014 pero baseado neses datos de 2012).

INE

O INE publica os seus propios datos que recolle nunha enquisa bienal na que se envía un formulario ás bibliotecas e que estas poden contestar ou non. Non se reclaman datos ás que non o envían (malia a obrigatoriedade da mesma) e non se corrixen habitualmente as informacións aportadas polas bibliotecas ou as institucións das que dependen.

Como sinalamos nunha nota publicada neste blogue en xaneiro deste ano, a desaparición de 49 bibliotecas sinalada polo INE con respecto ao 2008 non se corresponde coa realidade. Moitas bibliotecas consideradas como tales en anos anteriores deixaron de figurar, algunhas bibliotecas estaban pechadas temporariamente no momento da enquisa e/ou non responderon á mesma. Os cambios de criterios sobre o que é unha biblioteca ou non… Todo isto leva ao INE a sinalar que desapareceron ese número de bibliotecas, cousa que non se corresponde coa nosa información, nin coas estatísticas da Rede de Bibliotecas e, desde logo, non se corresponde coa preocupación social que un feito dese tipo tería provocado na nosa sociedade: nin a prensa, nin as asociacións, nin os partidos políticos teñen denunciado estes feitos que serían incomprensibles e pouco defendibles social e politicamente.

RBG

A Rede de Bibliotecas de Galicia non contempla esta caída no número de bibliotecas aínda que si se observan baile de cifras sobre os puntos de servizo que varian en pouco máis de 300 desde o ano 2006, debido tamén ao cambio de criterios e ás normas e requerimentos que se foron obrigando a cumprir nas bibliotecas para ser consideradas como tales. No 2012 contamos con 307 puntos de servizo, segundo a Rede de Bibliotecas, frente aos 505, indicados polo INE (diferenza de criterios entre elas).

A caída no número de puntos de servizo non é tal e quedaría compensado polo incremento da superficie total ocupado polas bibliotecas e de uso bibliotecario que se incrementou desde o 2006.

Calidade

Os datos estatísticos por si sós non falan da calidade da prestación dos servizos nin das necesidades que demandan as bibliotecas públicas galegas, nin dos puntos febles que temos, nin das melloras destes últimos anos. Así podemos destacar:

Como aspectos negativos:

  • A baixada nos investimentos en bibliotecas que pasou de 5,5 millóns de 2008 a 1,3 millóns en 2012.
  • A asistencia de usuarios a bibliotecas que está no 16,3%, 4 puntos por baixo da media estatal de 20,5% de visitantes e 10,5 puntos por baixo de Cataluña que lidera as visitas no estado con 26,7%.

Como aspectos positivos:

  • O xa citado incremento en superficie bibliotecaria
  • O aumento no número de visitantes ano a ano (por riba da media do estado, pero aínda lonxe da media)
  • O aumento no número de persoas asociadas
  • O incremento nas adquisicións de fondos documentais
  • O incremento no número de préstamos realizados

Un aspecto importante a valorar é o peso que ten a provincia da Coruña, e dentro deste a comarca da Coruña, en todos os indicadores: concentra o maior número de bibliotecas, de persoal, de préstamos, de incremento de fondos, de infraestructura e investimentos…

Investimentos

No tema de investimento, además da caída continua dos últimos anos que xa sinalamos en varias ocasións, temos que destacar a porcentaxe de participación das diferentes administracións nas bibliotecas así segundo as diferentes estatísticas temos:

Porcentaxe 2012

INE

RBG

Estado

5,1

0,01

Deputacións

2,8

5,5

Xunta

18,9

26,57

Concellos

53

67,88

Como vemos os datos son moi diferentes, pero en calquera caso é de destacar o pouco peso que teñen o estado e as deputación en financiar as bibliotecas públicas galegas, entre o 5 o 8% provén destas dúas administracións.

O maior peso recae nos concellos, por outro lado propietarios da maioría das infraestruturas bibliotecarias públicas, e que, por tanto, deben responder por elas. Sen embargo cremos que as Deputación deberían participar do financiamento das mesmas, sobre todo naquelas provincias menos desenvolvidas bibliotecariamente: Lugo e Ourense.

Mapa de Bibliotecas:

A recente constitución do Consello de Cooperación Bibliotecaria (o pasado 17 de marzo) , órgano recollido na Lei 5/2012 de Bibliotecas, é esperanzador para a mellora da política bibliotecaria no país. Unha das tarefas máis importantes que terá que desenvolver é a realización do Mapa de Bibliotecas públicas de Galicia. Trátase dunha ferramenta de planificación fundamental xa que contará con:

Censo de bibliotecas públicas: cos datos reais do número de postos de servizo, infraestrutura, persoal, fondos… Instrumento para coñecer con certeza os datos estatísticos das bibliotecas do noso país.
Estándares de Bibliotecas públicas: que marcarán a política de desenvolvemento das bibliotecas públicas nos próximos anos: determinarán cara aonde queremos ir cos servizos bibliotecarios.

O Mapa de Bibliotecas permitiranos situar a cada biblioteca na súa tipoloxía segundo determina a Lei de Bibliotecas. Unha vez feito isto, tamén permitirá crear os Consellos asesores territoriais de Bibliotecas, pendente de desenvolver, e no que terían que estar representadas todas as administracións con competencias bibliotecarias, o que debería asegurar a participación das deputacións na mellora das bibliotecas.

Esperamos que no futuro, a creación destas ferramentas e o desenvolvemento destes órganos sirvan para mellorar as bibliotecas e coñecer con certeza con que servizos contamos e a calidade dos mesmos, así como podermos contar coa colaboración de todas as administracións no desenvolvemento e mellora das bibliotecas públicas galegas.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s