Arquivos diarios: 17/05/2012

As Letras que nos fixeron

Manifesto Día das Letras Galegas 2012 publicado no Faro de Vigo no que participa ANABAD-Galicia.

O Manifesto vai acompañado dun especial no que varios deseñadores homenaxean as 50 persoas ás que se lles adicou esta data facendo unha relectura dos carteis do Día das Letras Galegas. E un libro sobre os autores editado pola RAG e distribuído nos centros escolares.

Manifesto:

Neste 17 de maio chegamos xuntos co L de letra, de literatura, de libro. Chegamos co L de luz, de latexo, co L de lingua. Vimos celebrar o aniversario da maior festa cultural de Galicia, co L de cincuenta.

Neste 17 de maio tomamos a iniciativa, en liberdade, asumindo os riscos da propia creación. Os deseñadores realizamos cincuenta carteis; os escritores, cincuenta propostas microliterarias, cincuenta aturuxos, coma quen di. Os impresores ocupámonos da tiraxe de mil unidades de cada peza, de realizar mil coleccións de cincuenta carteis cada unha, nun total de cincuenta mil exemplares impresos, aos que contribuímos tamén os papeleiros. Os editores achegamos o resultado a colexios, bibliotecas e librarías en todo o país. Profesores, bibliotecarios e libreiros organizamos e convocamos exposicións posibles en Galicia enteira. Velaquí unha iniciativa conxunta de colaboración coa Real Academia Galega, na que está o Faro de Vigo cuhna publicación que recolle A volta ás Letras en cincuenta Días. Velaquí unha suma de entendemento e cooperación entre once entidades e institucións, cincuenta deseñadores e cincuenta escritores.

Neste 17 de maio vimos coas Letras no corazón, letraferidos, reunidos arredor da construción do país, dun país feito de palabras e de imaxes. Porque escribir é pensar, deseñar é pensar. Porque a palabra e o trazo conducen o pensamento. E o país cambia, amplíase e transfórmase segundo se vai pensando, segundo se vai narrando. Ensánchase cos novos territorios imaxinados, liberados segundo avanzamos, como quere Novoneyra, do Courel a Compostela. As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une. Porque somos as letras que lemos e as nosas son as que nos escriben, as que nos describen, as que nos pensan e nos fan pensar; son as que din quen somos, como galegos, tamén como individuos.

Somos o que lemos e estas son as Letras que nos fixeron, as que aínda nos fan.

Advertisement